DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En total destínanse a esta convocatoria de axudas 30.000 euros

A Cátedra Feminismos 4.0 subvenciona seis investigacións que se centrarán principalmente na esfera dixital

A súa directora salienta a boa acollida dos proxectos en revistas científicas e medios xeralistas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 01/08/2023

A Cátedra Feminismos 4.0, que impulsan a UVigo e a Deputación de Pontevedra, acaba de dar a coñecer os seis proxectos que recibirán financiamento ao abeiro da súa convocatoria de axudas de investigación de 2023, que se repartirán un total de 30.000 euros. A contorna dixital, as redes sociais e as aplicacións terán un peso moi destacado nestas propostas, xa que a metades dos traballos seleccionados xiran arredor deste tipo de temáticas. E é que esta cátedra, nada en 2019, ten como finalidade a promoción da igualdade no ámbito dixital e nas disciplinas STEAM e o fomento da reflexión crítica e as implicacións que a masiva dixitalización da sociedade están a xerar na desigualdade entre mulleres e homes. 

A directora da Unidade de Igualdade da Universidade e responsable da cátedra, Águeda Gómez, considera que, por quinto ano consecutivo, “pódese concluir que a convocatoria de investigación da Cátedra Feminismos 4.0 DEPO -UVigo, -á que se destina a metade dos orzamentos desta cátedra -, segue a ter moi boa acollida entre o persoal investigador dos campus de Vigo e Pontevedra da nosa Universidade”. Explica que pese a seren unhas axudas ligadas ao eido dixital e a proxectos que inclúen a perspectiva de xénero e feminista, “cada vez hai mais investigadoras e investigadores interesados en continuar traballando neste eido e, tamén, estase sumando máis persoal investigador que por primeira vez presenta propostas dende ámbitos ata agora pouco explorados nesta convocatoria, como as humanidades e a enxeñería industrial, por exemplo”.

Por todo isto, a responsable da Unidade de Igualdade sostén que esta convocatoria está a conseguir os seus dous principais obxectivos, “por unha banda o fomento da xeración de coñecemento científico, dende a epistemoloxía feminista, sobre esta nova dimensión dixital e, por outra banda, conseguir transferir a toda a sociedade as achegas e avances científicos nun ámbito cada vez mais presente en todas as dimensións das nosas vidas”. De feito, engade, “a receptividade que están a ter estes proxectos de investigación nas revistas científicas especializadas, pero tamén nos medios de comunicacións xeralistas, son indicadores perfectos deste interese polos innovadores avances científicos que se están a xerar e a promover dende a Cátedra Feminismos 4.0 DEPO-UVigo”.

Os seis proxectos seleccionados

Nesta convocatoria correspondente ao ano 2023, o comité avaliador decidiu outorgar a puntuación máis alta á proposta da profesora Iria Vázquez Silva, do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía, para o deseño dunha aplicación móbil que permita mellorar a atención e coordinación en violencia de xénero. Este proxecto recibirá unha achega de 6000 euros.

A proposta de Ana Isabel Rey Cao, do Departamento de Didácticas Especiais, foi a que obtivo a segunda mellor cualificación. A docente centrarase no uso das tecnoloxías dixitais para a promoción da saúde, en concreto realizando unha adaptación do cuestionario SaludDigitalEdu á poboación adolescente galega e recibirá unha subvención de 5654 euros.

Outra das investigación que se porán en marcha estará coordinada por Luis Xabier Martínez Rolán, profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, e consistirá nunha análise da toxicidade e as violencias machistas en redes sociais, para o cal realizará un estudo cualitativo entre o alumnado da UVigo, contando cunha subvención de 5465 euros.

Un cuarto proxecto centrarase en realizar un estudo exploratorio do hábitat igualitario da cidade de Pontevedra. Esta liña de traballo estará liderada pola profesora Silvia Pérez Freire, do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía, que recibirá unha axuda de 5023 euros. 

A comisión avaliadora tamén aprobou unha axuda de 4083 euros para a proposta de María Concepción Paz Penín, do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos e directora do centro de investigación Cintecx, para elaborar unha guía operativa que incorpore a perspectiva de xénero á investigación no eido tecnolóxico-industrial.

Finalmente, nesta convocatoria tamén se seleccionou o proxecto de Rocío Hernández Arias, do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura, titulado A outra cara da edición feminina en Galicia: ilustradoras, maquetadoras e tradutoras no século XXI, que recibirá unha achega de 3769 euros.