DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A convocatoria de axudas 2011-2012 terá como temática o futuro de Pontevedra

A Cátedra Filgueira Valverde financia sete investigacións que achegan as ciencias sociais ao mar

A comisión loubou o traballo de Manuel Fernández Areal, que deixa de ser membro honorífico da mesma

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 28/09/2011

Sete proxectos de investigación do campus de Pontevedra relacionados coa gobernanza, co turismo, coa cultura ou coa educación lograron o financiamento da convocatoria de estudos de investigación da Cátedra Filgueira Valverde 2010 para poder afondar no estudo do mar dende a perspectiva das ciencias sociais. O número de propostas recibidas, ademais de amosar o compromiso dos investigadores co Campus do Mar, “manifesta que hai interese por traballar coa cátedra, o que a converte nunha vía de transferencia de coñecemento á sociedade”, comentou a vicerreitora Antonia Blanco na presentación do programa de actividades 2011/2012 da cátedra.

Estas bolsas, que naceron en 1997 para fomentar a investigación no campus, repartiron un total de 24.000 mil euros entre sete grupos de investigación de diferenciada temática na convocatoria de 2010. O traballo mellor valorado pola comisión foi o do profesor Xosé Mahou, que acadou un financiamento de 5000 euros para estudar a gobernanza do mar. En segundo termo, o proxecto A planificación e execución dunha campaña de promoción turística para a cidade de Pontevedra, vila entre o mar e o río, de Ana Belén Fernández Souto, conseguiu unha axuda de 4000 euros. As outras cinco liñas de investigación, Creación e Investigación do mar como elemento de identidade cultural, de Juan Carlos Meana; o estudo do proxecto Pescanatur, de Xulio Pardellas; Pontevedra e o mar, adquisición de competencias científico-educativas, psicosociais e culturais, de Mercedes Álvarez; A transformación de residuo a recurso, de Purificación Miramontes e Da diversidade mariña á enxeñaría de tecidos, de Paulino Pérez, foron recoñecidas con 3000 euros cada unha.

Para a vicerreitora e para José Zarza, director de Relacións Institucionais de Novacaixagalicia en Pontevedra , a boa acollida das actividades do ano anterior “é sinónimo de que a cátedra está consolidada, o que non implica relaxación, senón continuar traballando máis arreo para que Pontevedra se sinta orgullosa de ter esta liña de investigación e de cultura”.

Na procura de solucións para o futuro pontevedrés

No acto de presentación, a comisión de seguimento da cátedra tamén fixo pública a temática para a nova convocatoria de axudas de investigación para o 2011, titulada Pontevedra, a súa identidade e o seu futuro, o que supón “un gran reto para os investigadores desta Universidade, animándoos a analizar, unha vez que se saia da crise, en que posición vai estar a cidade dende o punto de vista social, económico e cultural e buscar algunha solución”, sinalou Antonio Gómez, membro honorífico da comisión. Lembrou ademais que todos estes estudos, unha vez finalizados, se editan nunha publicación “á disposición de toda a cidadanía”.

Recordo á figura de Cástor San Pedro Folgar

Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra e membro da comisión, tamén presentou o oitavo Memorial Filgueira Valverde, “outro dos ámbitos de promoción da cátedra”, dedicado aos aspectos de peregrinación e de culto a Santiago Apóstolo. Mentres que o noveno memorial, a piques de saír á luz, se centrou no retablo de Belvís, “a nova edición lembrará a figura de Cástor San Pedro Folgar, primeiro director do Museo de Pontevedra e unha das mentes máis significativas da intelectualidade galega de principios do século XX”.

Os membros da comisión de seguimento quixeron aproveitar este acto público e a presenza de Fernando Filgueira, presidente da fundación Filgueira Valverde, para homenaxear ao catedrático Manuel Fernández Areal, un dos fundadores da cátedra e primeiro decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, con motivo do seu cese como membro honorífico. “Toda a comisión quere agradecer o traballo e o esforzo que dedicou sempre a esta cátedra, conseguindo que o labor desta Universidade calase entre a sociedade pontevedresa”, salientou a vicerreitora.