DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os proxectos que se presenten á convocatoria de axudas terán que ter como eixe o mar

A Cátedrá Filgueira Valverde move aos investigadores do campus a implicarse no Campus do Mar

As solicitudes poden presentarse á Vicerreitoría do Campus ata o día 26

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
D. Besadío DUVI 09/11/2010
Estudos sobre o mar en calquera das súas vertentes: económica, social, lingüística, cultural, artística, antropolóxica, deportiva, da saúde... este é o único requisito dos proxectos que se presenten á nova Convocatoria de estudos de investigación da Cátedra Filgueira Valverde, unha iniciativa que xurdiu no 1997 para fomentar a investigación no campus.

Trátase, tal e como explicou a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, de mover aos investigadores do campus a implicarse “nun proxecto tan relevante para a Universidade como é o Campus do Mar”, subliñou, ao tempo que adiantou que este mesmo mes se presentará a publicación cos resultados dos oito proxectos financiados o curso pasado.

Os investigadores interesados deberán presentar as súas propostas antes do vindeiro 26 de novembro e será a comisión de seguimento da cátedra a encargada de avaliar e seleccionar as solicitudes presentadas solicitanto, sempre que sexa preciso, informes a expertos externos. Valorarase, sobre todo, a aplicabilidade do estudo de investigación e o seu impacto social (40%), así como a metodoloxía que se vai empregar para a realización do estudo (30%) e a xustificación do orzamento requirido (30%).

A contía das axudas, destinadas a financiar a investigación en conceptos como equipamento científico-técnico, ordes de servizo, viaxes ou colaboracións externas, terá un límite de 6.000 euros. Os beneficiarios da subvención adquirirán o compromiso de entregar, ao remate do período anual de investigación, un resumo no que se expoñan os resultados obtidos.

Da tecnoloxía ás humanidades

Ao abeiro desta cátedra realizáronse investigacións sobre temas tan variados como a tecnoloxía, as humanidades, a política ou a publicidade. Entre os máis recentes, unha “psicoxeografía” do campus que deu lugar á exposición colectiva Os pasos perdidos comisariada polo profesor e artista Ignacio Pérez –Jofre ou un proxecto posto en marcha por un equipo de investigadores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación sobre as campañas de promoción e imaxe do Camiño Portugués promovidas polos concellos das provincias de Pontevedra.

O estudo sobre o uso conxunto da fotogrametría e teledetección de curta distancia para a documentación do patrimonio histórico-arqueolóxico na cidade de Pontevedra; a documentación e catalogación dos letreiros comerciais e publicitarios de tipo tradicional da provincia de Pontevedra; a figura de Ramón Barreiro; un cálculo sobre as emisións de dióxido de carbono polos incendios forestais en Galicia e a aplicación dos sistemas de información xeográfica ao estudo loxístico do transporte de madeira en Galicia, son outros exemplos de estudos financiados pola cátedra no campus.

Formalización das solicitudes

Poderán presentar a súa proposta aqueles grupos que teñan un investigador doutor contratado a tempo completo pola Universidade como director. Os interesados deberán entregar o modelo FV 09 da convocatoria, dirixido á Vicerreitora do Campus de Pontevedra, no rexistro xeral da Universidade ou nos rexistros auxiliares de calquera dos campus antes das 14.00 horas do 26 de novembro.