DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da sinatura de cadanseu convenio

A Cátedra Internacional José Saramago abre vías de colaboración coas fundacións Vicente Risco e Otero Pedrayo

Co obxectivo de dar a coñecer os tres escritores e pensadores no ámbito galego e lusófono

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Investigación
  • Cultura
DUVI Ourense 15/03/2024

A I Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo colaborará coas fundacións Vicente Risco e Otero Pedrayo para dar a coñecer os tres escritores e pensadores, “figuras centrais” nas súa respectivas culturas, no ámbito galego e lusófono. Con este obxectivo, a institución académica asinou cadanseu convenio coas citadas fundacións ourensás.

A presentación desta colaboración tivo lugar este venres no campus de Ourense. Nela, Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, salientou que esta iniciativa potenciará a colaboración xa existente entre as entidades implicadas. Do mesmo xeito, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, puxo en valor a importancia da colaboración institucional para multiplicar resultados. Pola súa banda, José Eduardo López, presidente da Fundación Otero Pedrayo, agradeceu á Universidade que con iniciativas coma esta serva de ponte para unir dúas culturas, a galega e a lusófona, e Celia Pereira, presidenta da Fundación Vicente Risco, indicou que esta sinatura “é un exemplo práctico do que para nós significa manter vivo o legado da Xeración Nós”, destacando os vínculos dos seus membros con Portugal. 

Achegamento cultural

José María Gómez, en representación da Cátedra Saramago, presidida por Burghard Baltrusch, foi o encargado de explicar os detalles da colaboración posta en marcha. Esta cátedra naceu en 2015, despois de asinar un protocolo de cooperación a UVigo e a Fundação José Saramago, sendo o seu obxectivo xeral o estudo e a difusión da obra e do pensamento do primeiro autor lusófono que foi Premio Nobel da Literatura, José Saramago (1922-2010). Con ela, lembrouse no acto, búscase relacionar as ideas deste autor cos máis diversos temas da actualidade literaria, cultural, social ou política, a través da docencia, da investigación e da organización de actividades. Porén, non está centrada unicamente nestes obxectivos “senón que ten como guieiro o achegamento entre a cultura galega, a portuguesa, a brasileira e as africanas”, tal e como lembrou José María Gómez.

Os convenios asinados coas respectivas entidades recollen que a colaboración abranguerá actividades tales como a organización e realización de todo tipo de actividades de divulgación das figuras e das obras de Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco, xunto coa do seu fillo Antón Risco, nos espazos lusófonos e de José Saramago en Galicia. Entre o panel de accións que se poderán realizar o acordo contempla desde o desenvolvemento de proxectos de investigación e o apoio a persoal investigador ou alumnado ata o intercambio de publicacións e a colaboración en todo tipo de proxectos culturais. No caso do convenio coa Fundación Otero Pedrayo tamén se inclúen actividades concretas como a realización, promoción e divulgación de traducións da obra deste autor á lingua portuguesa, comezando coa publicación en Portugal dunha tradución xa realizada da obra Arredor de si, da autoría de Felipe Domínguez Presa. No caso da colaboración coa Fundación Vicente Risco cítanse actividades como a promoción e divulgación da súa figura e obra e a de Antón Risco no Brasil, a través da parcería que ten a cátedra coa Universidade Feevale dese país.