DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O quinto libro da entidade recolle seis novas investigacións dende a perspectiva de xénero

A Cátedra Novacaixagalicia de Estudos Feministas pousa a súa mirada de xénero sobre a política e o 'bullying'

A igualdade en campos como o liderado empresarial, o turismo rural ou o deporte, outros dos temas tr

Etiquetas
  • Vigo
Noemí Rey DUVI 19/12/2011

Lograr a irmandade entre homes e mulleres para acadar a igualdade definitiva. Ese é un dos principais retos ao que se enfronta o feminismo no século XXI, un obxectivo que comparte a Cátedra Novacaixagalicia de Estudos Feministas, que desde o ano 2000 aglutina algunha das mellores investigacións sobre a presencia feminina nas distintas áreas produtivas e sociais de Galicia. As últimas, que acaban de publicarse no quinto libro de este organismo, alonxan a mirada da violencia de xénero para indagar sobre a posición da muller no bullying, no turismo rural, na política, no deporte, no liderado empresarial e na cultura nunha sociedade cunha marcada tendencia patriarcal. "O noso agradecemento ao traballo feito polos investigadores dentro da Cátedra para ter unha visión máis completa da realidade e construír un mundo mellor para todas as persoas. Este é tan só un paso máis no camiño, seguiremos traballando para que chegue un día no que non teñamos que falar de igualdade porque xa sexa plena", explicou María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense e presidenta da nova comisión da cátedra, que leva traballando "na sombra" desde hai un ano.

Dispoñibles a un só click

Non hai ámbito do coñecemento no que non se poida aplicar a perspectiva de xénero. Sen embargo, a maior parte das investigacións presentadas nesta ocasión pertencían ao eido humanístico e xurídico-social, polo que "aínda hai moito que facer para acadar unha maior presencia no campo tecnolóxico". O libro, que se pode descargar na web da Cátedra de Estudos Feministas, abre cun estudo sobre Vítimas e agresores na escola, onde tres investigadoras analizan os malos tratos entre iguais no ámbito educativo e conclúen que os agresores soen ser rapaces que tratan de gañar estatus e que os máis agredidos son os mozos "feminizados". A perspectiva de xénero tamén chega ao turismo rural para estudar as motivacións que teñen as mulleres para montar o seu propio negocio e a percepción de éxito obtido. "Lonxe do que se cree, elas valoran máis os termos económicos que eles, rachando coa idea de que tiñan este tipo de empresas por unha cuestión social. Tamén cren ter máis éxito, quizais porque tiñan expectativas máis axustadas, máis realistas", resumiu Ana Gueimonde, unha das autoras do traballo.

Na investigación sobre as mulleres na política galega nove expertos recollen as perspectivas de acceso, permanencia e promoción feminina neste campo. Nela aseguran que o problema actual non é de consecución dun posto, senón dos tipo de cargo que ocupan e da facilidade coa que son substituídas, moitas veces incluídas nas listaxes electorais soamente para cumprir o principio legal de paridade. No mundo do Deporte como medio de fomento da participación social os investigadores presentan unha realidade con mulleres cunha menor presencia numérica e mediática e xeralmente centrada no eido persoal, non profesional.

Un repaso polos nomes femininos da elite empresarial deixa claro que "consciente ou inconscientemente se prefiren aos homes sobre as mulleres en moitos procesos de selección e promoción", segundo conclúe o equipo investigador. O novo libro da Cátedra de Estudos Feministas remata cunha investigación sobre Violenicas "invisibles": intervencións feministas frente á violencia estrutural e simbólica na cultura patriarcal, unha análise de exemplos concretos da discriminación das mulleres na linguaxe, na música, no cinema e na literatura para detectar os mecanismos sexistas que operan nas manifestacións culturais.

Nova web

Para acadar unha maior difusión tanto dos libros como das convocatorias que se leven a cabo, a Cátedra Novacaixagalicia de Estudos Feministas acaba de estrear nova páxina web en galego, castelán e inglés onde, ademais dos case once anos de historia da entidade, pódese obter información sobre os seus obxectivos, convocatorias e resolucións e consultar ou descargar os cinco libros editados pola cátedra. O colofón final para unha entidade "que impulsa unha plataforma de investigación en proxectos de xénero" que, segundo Carlota Sánchez, representante de Novacaixagalicia, axuda a levar a teoría á práctica apoiando os proxectos de novos valores moi formados e colaborando coa súa incorporación ao mercado laboral.