DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo é unha das 26 universidades que participan no maior hackathón con fins sociais de España

A Cátedra Telefónica lanza unha nova edición do HackForGood

Celebrarase entre o 14 e o 16 de marzo co lema ‘Imaxinemos un mundo máis sostible’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cooperación
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 23/02/2024

Cun convite a imaxinar un mundo máis sostible, o campus de Vigo acollerá entre o 14 e o 16 de marzo unha nova edición do HackForGood, un encontro de estudantes de todas as disciplinas que queiran converterse en hackers bos. Esta cita, consolidada como o maior hackathón con fins sociais que se celebra en España, está organizada pola Rede de Cátedras Telefónica e celebrarase simultaneamente en 16 cidades coa participación de 25 universidades de todo o Estado. 

A finalidade é que, divididos por equipos, alumnas e alumnas de calquera titulación traballen xuntos durante 48 hora na procura de solucións innovadoras a retos sociais relacionados coas necesidades das persoas e facendo fincapé en un ou varios Obxectivos de Desenvolvendo Sostible, ODS. Poden participar neste evento as e os estudantes matriculados en calquera grao ou mestrado impartido na UVigo, como universidade membro da Rede de Cátedras Telefónica. O que se busca é que estes alumnos e alumnas se convertan en hackers ‘ForGood’, que como explican dende a organización son “persoas novas, entusiastas, positivas, con ideas e iniciativa ante o reto de resolver aqueles problemas que aínda ninguén foi quen de resolver, e facelo a través de solucións innovadoras”. A idea é que traballen en equipos e de xeito multidisciplinar, unindo coñecementos de diferentes ramas e coa axuda de mentores e voluntarios de Telefónica. O reto ao que terán que dar unha resposta poderán elixilo entre unha lista de propostas que se poderá consultar na web do evento. Unha vez arranque o hackathón, disporán de 48 horas para desenvolver unha proposta innovadora que deberán presentar ante o xurado e o resto de equipos participantes. 

O evento terá lugar, igual que na pasada edición, no Teatro Vidal Bolaño do campus, e arrancará o xoves 14 pola tarde, para continuar o venres ao longo de todo o día e concluír o sábado pola tarde coa presentación dos traballos e entrega de premios. A data límite para a inscrición é o propio 14 de marzo, día do arranque do hackathón.

HortiHouse, o proxecto gañador en 2023, obtivo premios nacionais

Pola súa traxectoria nas oito edicións celebradas ata agora, o HackForGood tense consolidado xa como o maior hackathon que se celebra en España, no que en cada edición participan arredor de 1000 estudantes que achegan solucións a máis de 100 retos. Moitos deles hoxe en día téñense constituído como startup ou están traballando en empresas nas que achegan os coñecementos e experiencias adquiridas grazas á súa participación no HackForGood.

O ano pasado, o equipo gañador da fase local en Vigo acadou o segundo premio nacional desta competición e, posteriormente, proclamouse gañador da VIII edición de HackForGood Big Day 2023, impoñéndose a 26 universidades de todo o país. Bautizada como HortiHouse, a proposta de María Cabrero e Jesús Valverde baseábase en potenciar o autoconsumo, a sostibilidade e os produtos de proximidade. Para que a falta de espazo, de tempo ou de coñecementos non fose unha limitación, decidiron deseñar un invernadoiro intelixente pensado para pisos ou casas. A través dunha aplicación, as e os usuarios poden controlar todos os parámetros e dispoñer de programas específicos para desenvolver correctamente os cultivos nas súas diferentes fases de maduración. Deste xeito, HortiHouse permite cultivar dentro dos pisos pequenas hortalizas como tomates ou pementos, froitos como fresas ou framboesas ou herbas aromáticas, entre outras opcións. 

50.000 euros en premios

Os equipos gañadores de cada sede recibirán os premios locais, que no caso de Vigo serán 1000 euros para o proxecto gañador, 600 euros para o segundo clasificado e 400 euros para o terceiro. Ademais, a organización da fase viguesa tamén outorga catro premios temáticos, dotados de 500 euros cada un, aos mellores proxectos de innovación enerxética e ambiental; de innovación social, de innovación e responsabilidade social empresarial e, finalmente, de transformación dixital. Os tres primeiros clasificados en cada sede optarán aos premios nacionais, dotados de 2000, 1000 e 500 euros e ademais terán a posibilidade de continuar cos seus proxectos durante uns meses para poder logo presentalos aos Premios HackForGood Big Day, que se celebran un ano despois na sede de Telefónica en Madrid e que reparten tres galardóns de 6000, 2000 e 1000 euros.