DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As candidaturas poden presentarse ata o 27 de outubro

A Cátedra Telefónica outorgará cinco premios aos mellores traballos fin de mestrado relacionados co desenvolvemento sostible

Cada galardón ten unha dotación económica de 500 euros

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Académica
DUVI 11/10/2023

A Cátedra Telefónica Espazos de Innovación da Universidade de Vigo pon en marcha unha nova edición do seus Premios de Innovación Sostible, unha convocatoria destinada a alumnado da UVigo cuxo traballo fin de mestrado estea centrado en temáticas relacionadas con obxectivos de desenvolvemento sostible, ODS, da Axenda 2030. 

En total outorgaranse cinco galardóns aos mellores traballos presentados, cunha dotación económica de 500 euros cada un e o prazo de presentación de candidatura está aberto ata o vindeiro 27 de outubro. Para concorrer a este certame é preciso que o alumando teña superado o TFM ao longo do curso 2022/2023 na Universidade de Vigo cunha cualificación igual ou superior a 7 puntos. A temática do TFM debe estar relacionada con algún dos 17 obxectivos da Axenda 2030. Para a comprobación do requisito deberá presentarse, xunto coa solicitude, un informe do traballo resaltando o obxectivo da Axenda 2030 que se aborda no TFM e as metas ás que pode contribuír, a súa innovación, posibilidade e viabilidade do seu desenvolvemento e repercusión social. 

Selección dos traballos presentados

Unha vez recibidos todos os traballo, a comisión de avaliación encargarase de realizar a selección, atendendo á calidade do informe, que debe incluír datos e información sobre a relación entre o TFM e os obxectivos da Axenda 2030 e se valorará ata un máximo 6 puntos; á innovación, ata un máximo de 4 puntos; a repercusión e interese social, ata 3 puntos; e a posibilidade e viabilidade do seu desenvolvemento, co que se poden sumar ata outros 3. Para a concesión do premio será necesario obter unha puntuación mínima de 10 puntos. 

A comisión de avaliación estará por composta polo director da Cátedra Telefónica-UVigo, o profesor José Cidrás, ou persoa en quen delegue, e como vogais Javier Rodeiro, profesor da Área de Linguaxes e sistemas informáticos; Elena Alonso, profesora da Área de Explotación de minas e directora da EEME; Rebeca P. Díaz, catedrática da Área de Enxeñaría telemática e directora da EET; Iñigo Cuiñas, catedrático da Área de Enxeñaría de Teoría do sinal e comunicacións; Beatriz Legerén, profesora da Área de Comunicación audiovisual e publicidade; María Montero, profesora da Área de Fundamentos da análise económica; Benedicto Soto, profesor da Área de Edafoloxía; José Luis González Cespón, profesor da Área de Expresión Gráfica; Jesús Hernández, catedrático da Área de Pintura e Ana Flórez, xefa de Innovación Territorio Norte de Telefónica.

Unha década de Cátedra Telefónica na UVigo

Neste 2023 a Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo cumpriu unha década. Foron dez anos de múltiples actividades co obxectivo de promover a aplicación das tecnoloxías da información e as comunicacións no ámbito do ensino universitario, a investigación e a innovación. Entre outras iniciativas tiveron lugar talleres e conferencias de interese para os alumnos –talleres de Arduino, xornada smart energy-smart city, seminarios sobre a plataforma MiríadaX e os MOOCs etc.ou as diferentes edición do encontro Hack for good.

En total, Telefónica conta con 25 cátedra en universidades españolas, cada unha delas coa súa propia especialización pero co obxectivo común de xerar unha rede para o estudo do impacto das tecnoloxías de telecomunicación (TIC) na sociedade, sendo un dos seus obxectivos prioritarios a divulgación e comunicación dos resultados máis relevantes.