DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro 24 de outubro no edificio Citexvi

A Cátedra Telefónica-UVigo celebrará unha xornada sobre talento e innovación na era da transformación dixital

No transcurso do acto entregaranse os premios Hack for Good 2022 e TFM Innovación Sostible 2021-2022

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Premios
  • Institucional
DUVI 16/10/2023

A sociedade actual enfróntase a enormes desafíos, como o quentamento global, a sobreexplotación dos recursos, a desigualdade ou a seguridade, entre outros. A innovación e o talento son claves para atopar solucións disruptivas, sostibles e tecnolóxicas a estes retos e, neste contexto é prioritario aproveitar as oportunidades que brindan as novas tecnoloxías para impulsar a produtividade, aumentar as prestacións de produtos e servizos e mellorar e modernizar as xestións. Precisamente para abordar estes desafíos, a Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo celebrará o vindeiro 24 deste mes no edificio Citexvi unha xornada na que se analizará o papel do goberno, as empresas e as universidades “para conseguir egresados preparados para posicionarnos como líderes do mercado”, como destacan dende a organización. “O talento é a base do desenvolvemento empresarial e económico dunha rexión e é imprescindible para conseguir o crecemento e a competitividade necesaria para ser líderes nun mundo globalizado”.

Programa da xornada

A xornada será inaugurada polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa, ás 09.30h. xunto co director da cátedra, José Cidrás, e abordará os retos do talento e a innovación na era da transformación dixital, coa participación tamén de representantes da Universidade, empresas e a administración. De seguido haberá outra intervención sobre a transformación dixital a través de solucións innovadoras con talento, incluíndo unha visita virtual ao espazo LaCabina.

Tras un descanso, terá lugar unha mesa de debate sobre as novas habilidades nas que é necesario formarse para potenciar o talento e a innovación, na que intervirá Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade xunto con asociacións da universidade.

O evento pecharase coa entrega dos Premios da Cátedra Telefónica UVigo, tanto os coorespondentes ao Hack for Good 2022 como os Premios TFM Innovacion Sostenible 2021-2022. O peche correrá a cargo do reitor Manuel Reigosa e de Elena Rivo, conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.