DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado beneficiario poderá acceder a un contrato a tempo parcial compatible cos estudos

A Cátedra Viewnext porá en marcha un Programa de Aceleración Curricular no Máster en Enxeñaría Informática

A iniciativa ofrecerá aos participantes formación de alta capacitación na empresa

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 30/11/2017

En febreiro de 2016 a Universidade de Vigo e a empresa Viewnext, única entidade de servizos de xestión e desenvolvemento de aplicacións do grupo IBM en España, puxeron en marcha a Cátedra Viewnext para promover o talento no sector tecnolóxico. No marco desta iniciativa, a cátedra porá en marcha este curso académico un Programa de Aceleración Curricular destinado a incentivar a formación especializada e a empregabilidade do alumnado do Máster en Enxeñaría Informática que se imparte na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense.

O programa, salientan os seus responsables, pretende por unha banda “proporcionar maiores oportunidades laborais e de formación ao alumnado de mestrado” e por outra “fomentar a captación e retención de talento por parte de Viewnext coa incorporación de persoal en formación con maior nivel de especialización e compromiso coa empresa”. As vantaxes que ten para o alumnado participar nesta iniciativa, indican desde a cátedra, son poder acceder á formación en tecnoloxías punteiras e desde un punto de vista empresarial e poder compatibilizar unha actividade laboral co estudo dun mestrado.

Para acadar este obxectivo, a iniciativa propón un itinerario dunha duración de ano e medio paralelo e compatible cos horarios de realización do mestrado. Este itinerario comeza coa formación dos participantes durante tres meses a cargo da empresa, participando en cursos específicos de alta capacitación. Os estudantes seleccionados que superen esta primeira fase poderán incorporarse á empresa cun contrato laboral a tempo parcial tamén compatible cos estudos que están a realizar.

A importancia da formación de posgrao

Debido á gran demanda de enxeñeiros informáticos que hai, subliña Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, “o que está acontecendo é que os nosos alumnos e alumnas comezan a traballar tan pronto rematan os estudos de grao, ou incluso antes de acabar a carreira, e non realizan o mestrado. Nós queremos incentivalos a que si o fagan e este programa pode ser un bo paso nese sentido xa que compaxina o académico co laboral”. O mestrado, apunta Francisco Javier Rodríguez, é a continuidade formativo do grao e forma ás futuras enxeñeiras e enxeñeiros en informática, sendo equiparable ao nivel formativo de enxeñeiro en informática que había antes do Plan Boloña. “Esta formación permite ao alumnado acadar novos niveis profesionais dun xeito máis rápido e é apreciada polas empresas dado que dota aos estudantes de maior nivel competencial”, detalla. 

“Con esta iniciativa queremos abrir as portas de Viewnext ao alumnado de mestrado para que poida adquirir coñecementos e competencias que complementen a súa formación”, subliña Isidoro Prado, site manager do Centro de Innovación Tecnolóxica en Ourense de Viewnext. Este centro, apunta, “é o maior empregador tecnolóxico da cidade de Ourense”, contando na actualidade con arredor de 170 traballadores e traballadoras, na súa maior parte formados na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, como é o caso do propio Isidoro Prado. Tendo en conta este “fluxo de talento” entre a institución académica e a empresa, o responsable de Viewnext en Ourense salienta a oportunidade de levar a cabo este programa de aceleración curricular.