DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi convidada ao congreso da Axencia Europea para o Desenvolvemento das Necesidades Educativas Espec

A catedrática Ángeles Parrilla, na vangarda de Europa en materia de educación inclusiva

A súa investigación xa contempla a formación permanente do profesorado, clave para unha ensinanza 'p

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 05/03/2012

As investigacións do campus de Pontevedra no eido da educación espertan o interese das organizacións internacionais. A catedrática de Didáctica e Organización Escolar da Universidade, Ángeles Parrilla, acaba de regresar de Bruxelas onde presentou no congreso mundial organizado pola Axencia Europea para o Desenvolvemento das Necesidades Educativas Especiais o seu proxecto pioneiro sobre educación inclusiva desenvolvido no concello de A Estrada. Parrilla foi convidada pola organización do congreso para que compartise cos máis de 50 expertos internacionais en diversidade educativa as primeiras conclusións desta práctica innovadora. “Acudín ao congreso non como membro da axencia senón en calidade de convidada especial dada a conexión do proxecto coa reunión e do interese que suscita en Europa”, explica Parrilla.

Formación permanente

O proxecto de investigación liderado por Ángeles Parrilla defende a igualdade de oportunidades educativas para todos os nenos e nenas, independentemente da orixe social, da cultura, da etnia, da relixión, da capacidade, do xénero... Os membros da Axencia coñeceron o proxecto durante unha visita a España na que comprobaron de primeira man como a investigación da catedrática da Universidade de Vigo integra dende o inicio a formación permanente do profesorado, clave para a consolidación dunha educación inclusiva nas aulas. “As competencias dun docente non poden limitarse a unha formación inicial, é imprescindible atender ás necesidades do día a día dende unha perspectiva colaborativa e participativa e non dende modelos formativos deseñados de antemán descontextualizados da contorna local”, apunta Parrilla. A investigadora engade que non son equiparables as necesidades formativas “dun centro rural, urbano ou dun cun alto índice de alumnado estranxeiro” polo que a análise da situación concreta de cada escola “é a que debe dar resposta ao proceso de formación dos profesionais da educación”.

Para a catedrática esta invitación “personalizada” dos membros da Axencia Europea para o Desenvolvemento das Necesidades Educativas Especiais supón un recoñecemento ao labor investigador da Universidade no eido da educación. “A nosa institución xa é coñecida internacionalmente polas súas achegas científicas e técnicas, como o Campus do Mar, pero tamén estamos chamados a ocupar un espazo importante no ámbito das ciencias sociais grazas á coherencia e calidade do traballo desenvolvido”, reflexiona.

Un marco de referencia europeo

Ao abeiro do encontro organizado por esta axencia europea, tamén se presentaron os resultados do macro proxecto Formación do profesorado para a inclusión desenvolvido pola propia axencia no que se analizou a formación do profesorado en materia de educación inclusiva a nivel europeo. Neste informe recóllese a situación actual de cada país neste eido e os retos que debe afrontar a docencia europea para camiñar cara unha "ensinanza para todos e todas". Na xuntanza os expertos destacaron sobre todo a importancia de contar por primeira vez cun documento de referencia europeo “que axuda a dar un paso adiante no desenvolvemento dunha educación sen exclusións de ningún tipo”, engade a investigadora.

Na actualidade, o proxecto A Estrada inclusiva está a piques de iniciar a súa terceira fase de desenvolvemento. Xa superou unha primeira etapa na que os colexios debían avaliar as súas carencias en materia de educación inclusiva cun plan de mellora para continuar coa creación dunha rede intercentros na que compartir experiencias. Pero, para que o proxecto se consolide, falta o apoio do contexto local, da sociedade, “expandindo o concepto de inclusión máis aló das paredes da aula”, sinala Parrilla.