DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presídea co apoio da catedrática Esther González Pillado, que ocupa a vicepresidencia

A catedrática Francisca Fariña guía os primeiros pasos da Asociación Iberoamericana de Xustiza Terapéutica

O organismo, creado a finais de 2011, busca que as leis teñan un perfil “máis xusto e humano”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 17/04/2012

A sociedade, como ente vivo, evoluciona e precisa que o sistema lexislativo se adapte á súa nova realidade. Este proceso de cambio, vixente nestes momentos no contexto iberoamericano, propiciou o nacemento, a finais de 2011, da Asociación Iberoamericana de Xustiza Terapéutica, baixo as directrices de Francisca Fariña e de Esther González Pillado, catedráticas da Universidade de Vigo. “Dado o momento de cambio, este organismo é necesario para prestar asesoramento e axuda ás institucións e, para loitar por unha xustiza máis xusta, operativa, eficaz e humana”, explica Francisca Fariña, primeira presidenta da asociación.

Foi o propio David Wesler, pai dos primeiros estudos sobre xustiza terapéutica e director da International Network on Therapeutic Jurisprudence que engloba á iberoamericana, quen propuxo a Francisca Fariña para que liderara a creación da asociación. “Foi para min todo un orgullo que Wesler me escollese para este reto. Coincidimos no pasado mes de maio no VI Congreso Nacional de Psicoloxía Xurídica e Forense e alí mo propuxo, en presenza de académicos doutras universidades e de profesionais prestixiosos”, lembra Fariña. Considera que este proxecto implica “unha responsabilidade moi grande” que comparte coa catedrática Esther González Pillado, que ocupa a vicepresidencia da asociación.

O organismo ten por diante dirixir e coordinar a rede de xustiza terapéutica en toda Iberoamérica “e, pese a súa xuventude, xa conta con membros de renome de case todos os países da zona”. Naceu para contribuír á produción, difusión e transferencia deste campo de coñecemento co obxectivo “de achegar axuda técnica a profesionais, operadores xurídicos e institucións públicas”, ademais de procurar a creación de calquera material susceptible “de aumentar o rigor dos métodos propios da xustiza terapéutica”.

Visibilidade da Universidade

A Universidade de Vigo é a sede oficial da asociación, “o que supón unha maior visibilidade da nosa institución en toda Iberoamérica, pero especialmente en todo o que teña que ver co estudo da lei, psicoloxía, psiquiatría, criminoloxía, educación e do traballo social”. Como aclara Fariña, ademais da presidenta e da vicepresidenta, a Universidade tamén está representada por dous membros máis na Xunta Directiva, “polo que a nosa institución conta cun peso importante, xa que a xunta está composta por 14 membros de nove estados”, aclara a presidenta. Sinala ademais que o organismo potenciará a procura de sinerxías entre os investigadores e profesionais relacionados coa xustiza, “unha excelente oportunidade para os nosos grupos de traballo”.

Dada a recente creación da asociación, as primeiras eleccións á presidencia non se celebrarán ata o vindeiro mes de outubro, no marco do I Congreso da Asociación Iberoamericana de Xustiza Terapéutica, que terá lugar na Universidade de Vigo.