DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A xornada electoral terá lugar no centro o vindeiro martes, 29 de xuño

A catedrática de Parasitoloxía Cristina Arias encabeza a única candidatura ao decanato da Facultade de Bioloxía

O actual decano, Pedro Pablo Gutiérrez, repasa os seus logros depois de seis anos ao fronte do centr

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Sara Alcázar DUVI 24/06/2010
A candidatura de Cristina Arias, catedrática de Parasitoloxía da Facultade de Bioloxía, é a única presentada ao proceso electoral iniciado no centro o pasado 31 de maio. Finalizado o prazo de reclamacións á proclamación provisional de propostas, que tivo lugar o pasado 18 de xuño, este xoves procedeuse á proclamación definitiva da única lista presentada.
A xornada de eleccións ao decanato terá lugar o vindeiro martes 29 de xuño ás 13.00 horas, na que a candidatura de Arias deberá acadar unha maioría simple nos votos para ocupar o cargo.
Cristina Arias, titulada en Bioloxía e Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, é catedrática en Parasitoloxía e na actualidade exerce como profesora do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde da Universidade de Vigo.
Arias tamén forma parte do grupo de investigación PB1, dedicado á análise e diagnose en Parasitoloxía, e ao grupo externo de investigación Leishmaniosis e cambio climático de Vigo, conformado por investigadores procedentes de diversos ámbitos científicos.

Seis anos de intenso traballo durante o mandato de Pedro Pablo Gallego

O actual decano do centro, Pedro Pablo Gallego, ten ás súas costas seis anos de intenso traballo no cargo, que toca ao seu fin coa posible elección de Cristina Arias o vindeiro martes. Unha etapa que o propio decano definiu como “moi satisfactoria” e na que cabe salientar o proceso de adaptación das diferentes titulacións ao EEES e, máis actualmente, o Plan de Acción Titorial.
“O éxito alcanzado nestes anos é mérito do traballo e esforzo realizado polos docentes e o alumnado da facultade”, explica Gallego facendo referencia ao lema do centro “o seu éxito, o noso éxito”.
Así mesmo, o actual decano di sentirse especialmente orgulloso do seu labor durante o proceso de adaptación cara o Plan Boloña “por tratarse dun dos centros pioneiros en levar a cabo esta transición, que foi unha experiencia piloto no primeiro ano do meu mandato” afirma.
Na actualidade, a facultade conta coa completa implantación do grao en Bioloxía e ten en marcha catro mestrados adaptados ao EEES “e dous que se implantarán máis adiante para completar a oferta académica do centro” apunta o decano.
Froito dun arduo traballo burocrático levado a cabo durante o seu mandato, a Facultade de Bioloxía fíxose co Certificado de Garantía Interna de Calidade, avaliado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e a Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (Aneca). “Este certificado acredita e recoñece as calidades do centro” explica Gallego, que salienta as infraestruturas adaptadas con ordenadores e taboleiros interactivos das que dispón a facultade, “así como aulas, seminarios e tres salas de videoconferencia” indica o decano, que ao longo do seu mandato fixo unha clara aposta pola teledocencia e a implantación de novas tecnoloxías e tamén polos programas de innovación docente enfocados á formación do profesorado.