DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A inmunóloga asegura sentir "alegría, asombro e orgullo"

A catedrática da UVigo África Gonzalez, Viguesa Distinguida 2023

O alcalde de Vigo referiuse a ela como “unha científica de primeiro nivel mundial”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Institucional
DUVI 13/03/2023

A catedrática do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo, África González Fernández converterase o vindeiro 23 de marzo en Viguesa Distinguida. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, referiuse á inmunóloga como “unha científica de primeiro nivel mundial no relativo á inmunoloxía” e confirmou que será distinguida nunha gala que se celebrará a semana que vén no Teatro Afundación.

"Alegría, asombro e moito orgullo" é o que asegura sentir a imunóloga nacida en Madrid en 1962, á quen Abel Caballero comunicaba esta mañá a distinción. África González é doutora en Medicina e Cirurxía e catedrática de Inmunoloxía, ademais de académica da Real Academia de Farmacia de Galicia. Entre 2009 e 2019 dirixiu o Centro de Investigacións Biomédicas da UVigo, Cinbio e, entre 2016-2020 foi a presidenta da Sociedad Española de Inmunología. Nos últimos anos, destacou polo seu papel divulgativo sobre a pandemia da covid-19, formando ademais parte do comité de expertos que asesoraba ao Concello nesta materia. Tamén deu o paso ao mundo empresarial, como copromotora da spin-off NanoImmunoTech. "Aínda que non nacín en Vigo, síntome moi vinculada a esta cidade na que levo moitos anos traballando na UVigo", asegura catedrática, que tamén valora de xeito moi positivo que se recoñeza unha figura investigadora e muller. "Intentei desenvolver un grupo de investigación no que a maioría somos mulleres e tamén visibilizar á muller científica", sinala a inmunóloga, que agradece o recoñecemento. 

O galardón de Viguesa Distinguida non será o primeiro recoñecemento que África González recibe por parte do Concello de Vigo, que o ano pasado lle outorgou o Premio de Igualdade Ernestina Otero. Ademais do galardón á catedrática da UVigo, o tenista paralímpico Martín de la Puente e o adestrador de baloncesto feminino Miguél Méndez, tamén recibirán o recoñecemento de Vigués Distinguido este ano 2023.

Medalla de Ouro para a UVigo e Vigués Distinguido para o XaTcobeo

O recoñecemento a África González súmase á Medalla de Ouro da Cidade, a máxima distinción que se outorga en Vigo, e que lle foi concedida á Universidade no ano 2010. Pola súa banda, en 2012 o equipo de persoas que durante catro anos deseñou e desenvolveu o XaTcobeo, primeiro CubeSat dunha institución académica europea construído con estándares da Axencia Espacial Europea, recibiu a mención de Vigués Distinguido