DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Considera que o goberno debe evitar que a crise chegue ao sistema bancario

O catedrático Antonio Torrero apunta ao aforro e ao axuste económico como claves para que España supere a crise

O prestixioso economista ofreceu un relatorio na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 11/12/2008

Unha desorde aguda que altera o funcionamento normal dos mercados, que pode ameazar a existencia de institucións financeiras e poñer en perigo o conxunto do sistema económico. Así define o catedrático de Estrutura Económica da Universidade de Alcalá, Antonio Torrero unha crise financeira, cuestión de plena actualidade á que dedicou o relatorio que ofreceu no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Organizado pola Cátedra Fundación Caixa Galicia, Torrero afondou na crise financeira internacional e as súas repercusións en España, apuntando á caída da bolsa, ao aumento do prezo das materias primas ou á quebra inesperada dunha gran empresa como os detonantes deste fenómeno, que repercutirá en maior ou menor medida en función de como se trate e do éxito das medidas adoptadas.
O experto economista falou de cinco puntos de apoio: os desequilibrios acumulativos, a lóxica do proceso, un descontrol xeneralizado o onde as autoridades vense obrigadas a tomar decisión con pouca información e coaccionadas polo mercados, a intervención dos estados e dos bancos centrais para evitar o pánico e o “efecto rabaño”, algo razoable e lóxico, afirmou.

O berce da crise

“Cada crise financeira ten as súas peculiaridades e constitúe un episodio singular cun denominador común: reláxanse as apreciacións dos riscos que se asumen”, comenta o profesor, quen destacou dous aspectos significativos da crise actual: que afecta a países desenvolvidos, con finanzas sofisticadas e que son os recursos dos países emerxentes os que están cubrindo a recapitalización dos bancos máis afectados.
A orixe de esta situación procede da forte expansión do crédito hipotecario nos Estados Unidos, nunha contorna de tipo de interese reducido e negativo, na que se lle cederon préstamos a persoas de dubidosa reputación financeira, actividade na que tamén participou Europa distribuíndo produtos de alto risco. A aparición da titulización ou venda de créditos fóra do balance sen a esixencia de recursos propios., sen ningún tipo de control por parte das autoridades, foi outra das razóns que desencadeou a crise. Neste senso, Torrero destacou a actuación do Banco de España como unha das máis prudentes, motivo polo cal inicialmente está a ser un dos máis estables en Europa.

Intermediarios bancarios e mercados financeiros

Nos últimos 30 anos producíronse alteracións fundamentais nos sistemas financeiros. Delas, dúas son fundamentais para intentar entender o que pode estar pasando, “a importancia cada vez maior dos mercados bursátiles e a difuminación das fronteiras que entre as distintas institucións”, subliña o catedrático, quen advertiu da velocidade do axuste e da distribución do risco.
Torrero incidiu na diferenza entre un banco comercial e un de inversión, comparándoos con dúas actividades: a agricultura e a caza, respectivamente. “O sistema bancario desenvolve, con rigoroso control e a longo prazo, actividades recurrentes; os bancos de inversión dedícabse á busca de operacións concretas que permitan un ingreso inmediato”. Foron estes últimos os grandes protagonistas da revolución financeira e os responsables da escalada da propensión ao risco no mundo. A solución e o cambio, sinala o catedrático, “pasa por que os bancos comerciais gañen máis protagonismo”.

A situación en España

A crise financeira non afecta a todos os estados por igual. Pese a que o sistema bancario español parte dunha situación de fortaleza, o punto débil do país está “na alta dependencia do investimento exterior para financiar o déficit por conta corrente”, expón Torrero, un nivel que se elevou asombrosamente no último lustro atopándose actualmente no 10% do PIB. Para reducir esta cifra, “no ano 2009 precísase de 140.000 millóns de euros” engade. Agora débese afrontar o desequilibrio xerado pola forte inversión que se fixo durante anos, asumindo maiores riscos, en relación ao mínimo aforro acadado. “A solución en España pasa polo aforro e o axuste económico”, declara o experto.
O obxectivo do goberno debe centrarse en “restablecer a confianza e evitar que a crise chegue ás oficinas do sistema bancario”, para que deste xeito este poida apoiar ás familias e ás empresas, “que son quen realmente sofren o problema”.

Unha visión de futuro

Segundo Antonio Torrado, a partir da crise actual deberá producirse un intento por diminuír a propensión ao risco, para o cal debe cumprirse unha regulación máis estrita e estendida; unha limitación da capacidade de endebedamento e unha desconfianza na enxeñaría financeira sofisticada.
No caso español, “pertencer a Europa e participar na fortaleza dun signo monetario é un gran vantaxe”. Atopámonos nunha situación delicada na cal a redución do déficit, a través dun maior aforro e unha mínima inversión, debe ser imprescindible e, de seguro, inevitable.