DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Joaquín Gairín presenta as titorías académicas como unha das propostas máis interesantes do EEES

Para axudar aos estudantes a adoptar un rol máis activo e responsable na docencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 17/04/2009

Fronte a un modelo docente ríxido baseado nas clases maxistrais, o EEES camiña cara un novo escenario no que profesores e estudantes comparten protagonismo adoptando estes últimos unha actitude activa no proceso de aprendizaxe. Estas novas estratexias fan xurdir nas universidades novos retos educativos orientados á mellora da calidade, un proceso ao abeiro do cal moitas universidades puxeron en marcha un plan de acción titorial, como apoio aos estudantes neste novo rol de debe desenvolver. Unha destas institucións é a Universidad Autónoma de Barcelona, da que procede Joaquín Gairín, catedrático de Didáctica e Organización Educativa e encargado de impartir a nova conferencia do ciclo Docencia e innovación educativa nos escenarios dos novos plans de estudo.
Presentado polo vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela subliñou a experiencia do convidado “tanto na docencia en xeral como no desenvolvemento de plan titoriais” xa que Gairín e director do Equipo de Desarrollo Organizacional da UAB, e conta cun amplo coñecemento de temas organizativos. Neste sentido, Membiela salientou a súa participación no Cidui, congreso internacional de docencia universitaria posto en marcha polas universidades catalás. “Ese é o espello no que nos estamos a mirar para a celebración no vindeiro mes de xullo do I Congreso de Docencia Universitaria que organizan as tres universidades galegas baixo a coordinación de Vigo”.

Os plans de acción titorial como apoio aos estudantes no seu novo rol

Os plans de accións titoriais son unha síntese, un compendio das diversas actividades que se poñen en marcha nas universidade dentro deste marco de apoio aos estudantes. Nestes plans desenvólvese unha coordinación tanto das actividades titoriais postas en marcha como iniciativas persoais dos docentes como das de orixe institucional.
Segundo comentou aos asistentes Joaquín Gairín “cando presento aos docentes as necesidades para poñer en marcha un plan titorial, vexo nas súas reaccións que están máis identificados coas materias que imparten que coas titorías e o apoio ao estudante”. Segundo o catedrático da UAB, “isto derívase do concepto de docencia que tiñamos todos ata o de agora e que a implantación do EEES modifica profundamente”, salientou. E este é un tema que está a espertar moito interese, xa que “as universidades diferéncianse non só pola investigación que desenvolven, senón tamén pola calidade da súa docencia”.
Neste sentido, o papel activo dos estudantes no novo proceso de docencia implica un cambio de paradigma que nas universidades xa se está a levar a cabo, pero tamén é unha ruptura entre o modelo docente do ensino secundario e o universitario. Por estes motivos e para axudar aos universitarios a atoparse e desenvolverse no seu novo papel como actor principal e activo un proceso de aprendizaxe autónomo e interactivo, as titorías representan un aliado moi importante para os docentes.
No seu labor de apoio aos estudantes, os profesores desenvolven moitas accións titoriais de diversa índole, que xunto coas acción postas en marcha pola propia institución, conforman o plan titorial.
Pero máis aló das titorías individuais e voluntarias para solucionar dúbidas, Gairín propón un sistema de seguimento, que xa non sería opcional, no que o docente trate cos seus alumnos as actividades dirixidas que se lles propoñen, como os traballos, os grupos de discusión, as simulación ou a resolución de problemas. “Estaríamos falando de titorías académicas, para guiar e orientar e non só para resolver dúbidas, dirixindo aos estudantes para que eles mesmos cheguen a novos coñecementos. Esta é unha das propostas máis interesantes do EEES pero implica un cambio de rol tamén por parte do docente, un cambio na cultura do docencia”.

O proceso de transición

Este novo papel activo dos estudantes representa unha ruptura co modelo anterior de docencia universitaria pero tamén unha ruptura co modelo educativo de secundaria. Por este motivo, Gairín salientou a importancia do apoio no momento da transición e apuntou que cada universidade organiza o plan de acción titorial dun xeito diferente. “Algunhas optan pola titoría entre estudantes, cun alumno dos últimos cursos; outros optan por outorgar un titor a cada clase ata que rematan os seus estudos; outras decídense por que cada profesor se faga cargo dun grupo de estudantes...”.
Outra das achegas do convidado neste proceso de cambio sinala cara a “autoorientación”. Segundo Gairín é moi importante que os estudantes aprendan a orientarse a eles mesmos, moitos dos seus problemas poden resolvelos eles mesmo e, para iso, "unha das iniciativas que teño posto en marcha consiste en colgar na web da miña materia preguntas frecuentes, traballos doutros estudantes ou materiais de autoorientación pedagóxica”.
Con todo, o catedrático de Didáctica e Organización Educativa subliñou tamén a importancia de que a titorización se estenda ao longo do tempo: “é preciso apoiar aos estudantes de secundaria para preparalos para a universidade; é preciso arroupalos na súa acollida; é preciso axudar e orientar aos estudantes do primeiro curso universitario, pero tamén o é a orientación para e elección de especialidades e de cara o emprego e, en todo este proceso, a institución debe facilitar ferramentas que apoien este labor dos docentes, como a posta en marcha dun servizo de orientación psicopedagóxica”.
A sintetización e organización destas actividades conforma o Plan de acción de titorial dunha universidade pero, segundo concluíu Gairín, “a súa implantación é difícil e require ir pouco a pouco e contar coa implicación non só dos responsables institucionais, senón de todos dos docentes”.
O ciclo de conferencias continuará o vindeiro 29 de maio cun relatorio sobre A avaliación na teleformación, da man de Leonor García Margalef.