DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor da Universidade de Minho inaugurou o ciclo de relatorios"Situación actual e futuro da doc

O catedrático Leandro Silva alerta da necesidade de que as universidades se preocupen polo acceso e éxito do seu alumnado

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 20/11/2009

A expansión experimentada nas últimas décadas no ensino superior, así como as modificacións derivadas das políticas de financiamento ou da organización dos ciclos no marco da Declaración de Boloña, son factores que inciden directamente na transición e adaptación académica dos estudantes que acceden ao ensino superior. O impacto que estes cambios ocasionan na adaptación e no éxito académico do alumnado a necesidade de que as universidades se preocupen polo acceso e éxito do seu alumnado, foi o eixo do relatorio que o catedrático de Educación e Psicoloxía da Universidade de Minho, Leandro Silva, ofreceu na inauguración do ciclo de conferencias Situación actual e futuro da docencia universitaria, organizado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa. Precisamente foi o vicerreitor de Formación, Pedro Membiela, o encargado de presentar a Silva, nunha intervención na que ademais de se referir ao máis salientable do seu currículo, aproveitou para invitar aos asistentes a participar nas IV Xornadas de Innovación que se celebrarán o vindeiro mes de decembro.
Silva comezou a súa intervención ante un bo número de docentes da Universidade de Vigo que asisten ao ciclo de relatorios, situando o reto, a día de hoxe da psicoloxía educativa na necesidade de operar cambios no contexto e” no noso xeito de ensinar”. Tomando como referencia unha investigación desenvolvida polo propio Silva, o catedrático analizou os tópicos e variables da mesma e ofreceu as liñas mestras do panorama que na actualidade existe en Portugal no referido á transición, adaptación académica e éxito escolar no ensino superior.

Factores derivados dun contexto cambiante

Fenómenos como a masificación e heteroxeneidade do estudantado e o profesorado; a dispar formación coa que o alumnado accede ás universidades; a imposibilidade de acceder á titulación desexada por causa dos numerus clausus ou as elevadas taxas de abandono, son segundo Leandro Silva algúns dos factores aos que as institucións académicas non foron quen de se adaptar. Realidades presentes nun contexto de cambio ao que se engade a falta de investimento público no ensino superior, “condicionado ao número de estudantes” sinalou Silva que tamén alertou da idea que en Portugal baralla o primeiro ministro de condicionar o investimento ” ao número de estudantes que rematan as súas titulacións e incluso aos que acadan un traballo”.
Mención expresa realizou na súa intervención o catedrático da Universidade de Minho ao proceso de Boloña, finalizado xa en Portugal, pero que Silva sinalou “que non se pode facer a través da simple publicación de decretos ou regulamentos”, de xeito que o máis importante está aínda por facer “sendo preciso alimentar o entusiasmo e corrixir as deficiencias que se van observando”.

Medidas que fomentan a adaptación académica

Nun contexto de cambio Leandro Silva demanda das institucións académicas medidas concretas para facilitar a transición e a adaptación académica do alumnado. Así, a atención á preparación académica do estudantado para a titulación na que se van matricular; a organización e actualización de dossieres pedagóxicos das materias e a utilización das novas tecnoloxías no proceso de ensino-aprendizaxe, son algunhas das medidas que apunta o catedrático portugués orientadas a facilitar a transición e adaptación académica dos estudantes. Xunto a estas actuacións “a creación de servizos de apoio psico-socio-educativo que presten maior atención a grupos específicos de estudantes sen os estigmatizar e unha maior atención ás actividades extracurriculares”, son outras medidas apuntadas por Leandro Silva que tamén avoga por fomentar a participación do alumnado en servizos no campus, en voluntariado na comunidade ou en actividades de investigación dos docentes.