DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xurado tamén recoñece o traballo do grupo de Química Coloidal da Universidade de Vigo

O catedrático Luis Liz Marzán, premio de Investigación Burdinola

Pola aplicación dos estudos sobre nanopartículas metálicas plasmónicas en novas terapias

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 20/09/2011

Novo galardón ao bo facer do grupo de Química Coloidal da Universidade de Vigo e, en especial, ao seu director, o doutor Luis Liz Marzán. O catedrático acaba de ser distinguido co XVI Premio de Investigación Burdinola que, cunha dotación económica de 24000 euros, nesta edición quixo recoñecer o traballo sobre nanopartículas metálicas plasmónicas e a súa aplicación na diagnose e na aparición de novas liñas terapéuticas para distintas enfermidades que desenvolve o grupo de investigación vigués. “Foi unha sorpresa moi agradable, porque os outros candidatos eran grupos moi relevantes neste ámbito en España”, recoñece Liz Marzán, para quen o galardón ratifica “todos os recoñecementos que estamos a recibir nos últimos anos. Despois de tanto tempo traballando non fai falta que nos animen, pero da forza recibir recoñecementos que se saen do común e que abren novas expectativas. Anima a seguir mellorando”.

Posto en marcha no ano 1994 para contribuír ao recoñecemento, valoración e estímulo da comunidade científica, os premios Burdinola elixen cada ano unha temática distinta para ir galardoando investigacións de distintos ámbitos. Nesta edición, centrados na Biomedicina: aplicacións da nanotecnoloxía na diagnose e terapia clínica, o traballo de Liz Marzán e o grupo de Química Coloidal encaixaba como anel ao dedo. Iso considerou o xurado, que escolleu a candidatura viguesa polo seu traballo principalmente con partículas de ouro e prata, cunhas interesantes propiedades ópticas en tamaños reducidos, e polos resultados obtidos, que ofrecen novas posibilidades para o almacenamento de información ou para aplicacións relacionadas co medio ambiente.

Con preto de 30 investigadores, o grupo de Química Coloidal está formado maioritariamente por químicos, pero nel tamén traballan físicos e enxeñeiros. Formado en 1995, non foi ata o novo milenio cando comezaron a despuntar e a crecer “grazas a un traballo de calidade e a conseguir proxectos europeos”, subliña o seu director dun equipo que participa en distintas investigacións interdisciplinares con outros grupos. A consecución dunha prestixiosa Advanced Grant do Consello Europeo de Investigación, a primeira en Galicia e valorada en 2,3 millóns de euros, lles permitirá aplicar todo o traballo desenvolvido ata o de agora con bacterias e cultivos celulares para xerar a longo prazo novos tratamentos contra enfermidades.

Acto de entrega

Os premios culminan cunha cerimonia de entrega que se celebrará en vindeiras datas e nas que o catedrático Luis Liz Marzán terá que pronunciar unha conferencia relacionada co ámbito da convocatoria e cos seus traballos de investigación. O tema, de libre elección, será publicado despois en distintas revistas científicas por Burdinola, unha empresa especializada en laboratorios de investigación.

Un xurado de alto nivel

Unha das características máis marcadas destes premios radica no alto nivel científico e empresarial dos membros do xurado, que nesta ocasión contou con oito expertos. Presidido polo catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade do País Vasco, Félix Goñi, o xurado estivo composto ademais polo director da Fundación Universidad-Empresa Euskoiker, Juan Andrés Legarreta; o director xeral de Burdinola, Txabi Koskorrotza; e polos doutores José López, José María de Teresa, Juan Carmelo Gómez, Joan Guinovart e Pablo Escribá.