DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será o único economista español presente no encontro que se celebrará en Venecia

O catedrático Xavier Labandeira participará na reunión que determinará os contidos do Quinto Informe de Avaliación do IPCC

O Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático convocou a 150 expertos internacionais

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 03/07/2009

Creado pola ONU na década de 1980 co obxectivo de recompilar o coñecemento científico sobre distintos aspectos relacionados co cambio climático, o Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático (IPCC), elabora informes que se teñen convertido en referencias para os gobernos do mundo á hora de reorientar as súas políticas ou establecer acordos internacionais sobre o cambio climático. Tal é o caso da reunión que a finais deste ano se celebrará en Copenhague e na que podería definirse o acordo internacional que substituirá ao protocolo de Kioto que en 2012 remata a súa vixencia. “Nestas reunións internacionais o IPCC xoga un papel moi importante como subministrador de información científica para os gobernos á hora de negociar e definir estratexias”, explica o catedrático da Universidade de Vigo Xavier Labandeira que será o único economista español que participará na reunión que o Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático celebrará a mediados de mes en Venecia e na que se iniciará o proceso de elaboración dun novo informe de avaliación do organismo.
“Persoalmente é un honor e unha responsabilidade moi grande”, afirma Labandeira en relación coa súa participación na reunión que determinará os contidos do Quinto Informe de Avaliación do IPCC. E é que o catedrático da Universidade de Vigo é un dos dous españois convocados e un dos poucos economistas que participarán no encontro no que se determinará unha axenda de traballo cara á elaboración dun novo informe do grupo intergubernamental.

O papel fundamental da Economía

Labandeira conxuga a satisfacción e “a enorme responsabilidade” que supón a súa elección para participar da reunión que se celebrará do 13 ao 17 de xullo en Venecia co orgullo “de ser un economista”, xa que considera un reforzo para a ciencia económica e unha reivindicación do papel fundamental que esta disciplina vai xogar, a súa presenza no encontro. Un crecente interese do IPCC que Labandeira entende, como outros expertos, “pola importancia da Economía para tratar asuntos do cambio climático, dado que dependemos tanto das emisión de gases de efecto invernadoiro que calquera política que introduzamos para reducir as emisión terá efectos económicos importantes e polo tanto os economistas terán que estar aí”.
O traballo do grupo Rede ao que pertence e o coñecemento que internacionalmente existe do mesmo, considera Xavier Labandeira que resultaron determinantes na súa elección para formar parte dese grupo de 150 expertos que participarán na reunión de Venecia e na que a outra representación española correrá a cargo de José Manuel Moreno da Universidade de Castilla La Mancha, aínda que neste caso en calidade de membro do corpo de goberno do IPCC.

O Quinto informe de avaliación do IPCC

Na reunión que nuns días terá lugar en Venecia para iniciar o proceso de pepración do Quinto Informe de Avaliación do IPCC, participarán uns 150 expertos internacionais en todas as áreas e de todos os países e “dos seus resultados dependerá o éxito do informe”, asegura Labandeira.
Durante cinco días o grupo de expertos realizará un diagnóstico dos temas relevantes, “tendo en conta os feedbacks dos gobernos e os novos resultados científicos”, puntualiza o catedrático de Economía,“ver os baleiros que existen na actualidade e tentar cubrilos na redacción deste informe”.
O traballo de elaboración do Quinto Informe de Avaliación do IPCC que se iniciará nuns días en Venecia concluirá no ano 2014.

Rede en Copenhague e a formación en desenvolvemento sostible

Despois de Venecia a presenza dos membros do grupo Rede nos máis importantes foros sobre cambio climático que se celebran no mundo, está confirmada na reunión que se celebrará en Copenhague a final de ano en que se pode pechar o acordo internacional que substituirá ao protocolo de Kioto. Será neste escenario onde terá lugar a presentación dun número especial da revista Energy Journal “a revista máis importante do noso campo da economía enerxética”, sinala Labandeira, editada polo grupo ao fío da celebración o pasado ano na Illa da Toxa dun encontro internacional sobre enerxía e cambio climático e no que tomaron parte os maiores expertos mundiais na materia.
Precisamente o cambio climático tamén forma parte dalgún dos módulos do máster Xestión do desenvolvemento sostible que Labandeira coordina e co que se pretende “xogar un papel a nivel internacional atraendo estudantes estranxeiros”, asegura o catedrático que destacou a o grande interese que este “produto de primeiro nivel formativo” está espertar entre o alumnado sudamericanos para os que se dispoñen de bolsas propias e unha reserva de 10 prazas ás que se engaden outras 15 para estudantado da UE ata completar as 25 totais que oferta o máster.