DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A presentación será este xoves ás 20.00 horas na libraría Librouro de Vigo

O catedrático Xosé-Henrique Costas publica a súa primeira obra de ficción, 'Ao sur da liberdade'

Trátase do 1º volume dunha triloxía que discorre na Galicia e na Hispania dos séculos VIII e IX

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI 21/11/2023

Despois dunha trintena de libros de lingüística e edicións de literatura galega, o catedrático de Filoloxía Galega Xosé-Henrique Costas presentará mañá xoves na libraría Librouro de Vigo a súa primeira obra de ficción, unha novela histórica titulada Ao sur da liberdade (Morgante) que discorre na Galicia e na Hispania dos séculos VIII e IX.

“A min encántame a historia antiga e medieval e, hai trinta anos, empecei a estar seducido ou abducido polo personaxe histórico de Muhammad ibn Marwán Al-Galiqí, ‘O Galego’, fundador de Badallouce, que foi o primeiro señor en levar colonos galegos ao val do Ellas, no noroeste de Cáceres, onde aínda hoxe se fala galego”, explica o investigador e docente da Facultade de Filoloxía e Tradución. Foi daquela cando comezou a documentarse todo o que puido sobre este personaxe e a súa época, “polo puro pracer de saber máis del”, e así enchoupouse en debates políticos, debates relixiosos, arte, arquitectura, escultura, viaxes, hábitos hixiénicos, alimentación, medicina, costumes, festas, ritos funerarios, armas e guerras, literatura (sobre todo poesía), inventos, ciencia... “e un día, hai máis de 10 anos, atopeime escribindo unha especie de manda testamentaria de Ibn Marwán con todo aquilo que eu aprendera, sobre todo nas crónicas árabes”.

Indagando na saga familiar de Ibn Marwan, ‘O Galego’

Trátase do primeiro libro do que será unha triloxía ou saga familiar, do avó, do pai e do propio Ibn Marwan. Ao sur da liberdade céntrase na vida do avó, quen foxe de Galicia para escapar dun previsible castigo a un crime que lle atribuíron, a morte dun freire de Samos. “O libro é o percurso vital deste home, pero tamén é un percurso pola arte e a arquitectura  prerrománicas, polas loitas polo poder nos reinos galego e hispánico, polas loitas entre as diferentes faccións do cristianismo etc. Sobre todo pretendín que fose unha nova descuberta sobre a nosa identidade na época, identidade sempre negada pola historiografía oficial española”, recalca o autor.

Detrás desta obra hai un longo e laborioso labor de documentación, “tan delongado como pracenteiro”, recoñece Costas, quen admite que todo este proceso foi para el o máis gratificante desta aventura. Destaca, sobre todo, “o gusto inmenso na aprendizaxe sobre unha época, porque hoxe somos moi debedores dela, das decisións dos concilios, sempre condicionadas polos poderes reais e económicos, das derivas políticas...pero o que máis me engaiolou foi a descuberta do día a día daqueles devanceiros nosos”. Refírese aquí Costas a investigar sobre como e cando casaban, como eran os ritos, que festas celebraban, como se curaban, como se divertían, que comían, que medos tiñan... “Consultei moito libro e moito arquivo dixital, mesmo me mergullei na Biblioteca Nacional de Francia para consultar crónicas árabes traducidas ao francés ás que aquí era imposible acceder”.

Novela histórica escrita na lingua actual

Se ben se trata dunha novela histórica, está escrita na lingua actual. “Os lectores son os de hoxe, ano 2023, pero hai algún léxico xa desaparecido ou hoxe pouco usado que debe ter presenza no texto porque así o pide a novela; para iso poño ao final un glosario de voces arcaicas ou pouco coñecidas, como tamén inclúo nese glosario dialectalismos que me gustan e que non están nos dicionarios galegos comúns”, salienta o autor.  Na mesma liña, non dubida en afirmar que a novela foi escrita “cunha decidida vontade de estilo”, empregando “un galego rico, dialectalmente plural, con sabores e texturas variadas e coloridas. Se o conseguín ou non, ou se o resultado é bo ou non, o público lector será quen o diga, pero polo menos esa foi a miña intención”.