DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ana Pérez, Aurea Aburto, Victoria Monasterio, Adrián Castro desfilarán no South 36.32 N e no Move Se

Catro deseñadores de Esdemga parten á conquista do sur

Lola Dopico asiste tamén como convidada ao South 36.32 N onde compartirá a súa visión da moda

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 29/06/2011

Novas promesas do deseño galego formados en Esdemga, Estudos Superiores de Deseño e Moda de Galiza, trasládanse a Andalucía para mostrar dende hoxe ata o 30 de xuño as propostas innovadoras que son quen de crear. Así, Aurea Aburto e Adrián Castro, da última promoción, e Victoria Monasterio, titulada no 2009, participan no desfile Move, Moda en Movemento, de Sevilla, mentres que Ana Pérez Valdés, que rematou os estudos en 2008, presenta a súa nova colección o xoves no South 36.32 N New Fashion Lattitude de Cádiz. Neste escenario tamén participa a directora de Esdemga, Lola Dopico, cunha conferencia enmarcada na temática A moda, dende o intelecto e a razón.

As dúas cidades andaluzas potencian un novo concepto de moda que conxuga as tendencias vangardistas coa experimentación, “aspectos que Esdemga leva cultivando dende o seu nacemento no 2004”, de aí que sexa unha boa oportunidade “para que os novos deseñadores do panorama galego poidan promocionar as súas propostas polo territorio nacional”.

Participación no Move de Sevilla

Aurea Aburto e Adrián Castro, asisten como artistas convidados ao I Desfile Cápsula Nuevos Talentos do Move de Sevilla, enfrontándose por primeira vez ás mirada dun público anónimo. Aurea Aburto presenta a colección que a levou a alzarse co primeiro premio no Debut 2010, inspirada na película The Freaks sobre o mundo circense, “onde gañan realmente os feos e non os guapos”, en palabras da deseñadora. Aburto inspírase en personaxes con deformidades físicas do circo que se retratan no filme, pero que pensan e se emocionan, materializándoo “a través de estampados e co emprego de silicona e outros elementos semellantes”. Pola súa banda Adrián Castro amosa a colección To be free one must give up a little part of one self, na que acolle “anxos caídos, buscavidas e criaturas na procura de si mesmos”.

Tamén participa no Move Victoria Monasterio coa súa colección Twist, presentada por primeira vez no Ego Cibeles o pasado mes de febreiro. Trátase dunha proposta enfocada a un público xuvenil que emprega predominantemente tons cálidos, en especial a cor salmón, como símbolo de mocidade, alegría e despreocupación. “Se na colección anterior viña de empregar uns tons fríos, negro preferentemente, agora cambiei totalmente o estilo pasándome a un máis xuvenil, máis salvaxe, máis desenfadado que tenta representar o paso da nenez a unha idade máis rebelde”, explica Monasterio.

Cádiz, outro destino

Na pasarala do South 36.32 N de Cádiz defende o nivel de Esdemga Ana Pérez Valdés, baixo o nome de Valdnad, coa súa nova colección titulada Electric Sheeps & Broken Dolls, onde os tecidos naturais traballados con técnicas que modifican a súa estrutura construirán unhas criaturas que habitan nun mundo xélido e tecnificado onde a vida natural e a tecnoloxía se mesturan.

A directora de Esdemga, Lola Dopico, tamén está convidada e impartirá unha conferencia na que falará das perspectivas actuais para a creación e revisará as tendencias conceptuais no contexto do deseño e os modelos de traballo, investigación e innovación no ámbito da creación de moda de vangarda.