DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Carballiño prepárase para acoller o XVII Congreso Internacional de AECIT e o II Forum de REDINTUR

Catro días de traballo, case 550 asistentes e máis de 100 relatorios sobre I+D+i turística

Será do 20 ao 23 de novembro baixo a coordinación do docente José Antonio Fraiz

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 12/11/2012

Do 20 ao 23 de novembro o concello ourensán do Carballiño converterase no epicentro internacional da I+D+i turística. Serán catro días de traballo co gallo da celebración do XVII Congreso Internacional de AECIT e o II Forum de REDINTUR que reunirán a máis de medio millar de asistentes para escoitar a máis dun cento de relatores internacionais expor os últimos avances e novidades no eido da investigación e a innovación turística. Máis dunha ducia de docentes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense forma parte do seu comité organizador, presidido polo docente da Universidade de Vigo José Antonio Fraiz.

A primeira cita será o día 20 coa celebración do II Forum de REDINTUR, o foro da Rede Interuniversitaria de Posgraos en Turismo da que a Universidade de Vigo forma parte. “Este encontro estará centrado en tres temáticas: a política turística, o espírito emprendedor e o talento ao servizo do sector turístico”, destaca José Antonio Fraiz. Deste xeito, Ignacio Ducasse, director do Instituto de Estudos Turísticos, analizará os principais eixes da política turística estatal e Carlos Romero Dexeus, de SEGITTUR, falará do apoio da súa institución aos emprendedores. A puxanza das novas xeracións estará presente no foro coa exposición de experiencias emprendedoras, como a de Orión Congress e a de Reitoral de Gundivós, e coa presentación por parte dos seus autores dos mellores traballos de fin de mestrado das universidades de REDINTUR. Está previsto que asistan arredor de 150 persoas a este II Forum.

Faciana internacional

Ao día seguinte, o día 21, e ata o día 23, a actividade continuará no Carballiño coa celebración do XVII Congreso Internacional da Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo AECIT. “Nesta cita vanse presentar, defender e debater case un cento de traballos elaborados por un panel de expertos altamente cualificado e no que se mestura coñecemento teórico e práctico; xuventude e madurez e moita diversidade cultural”, explica o responsable do comité organizador da cita, que conta coa promoción do Concello do Carballiño e da Deputación de Ourense.

Arredor de 400 asistentes xa teñen confirmada a súa asistencia a este congreso que, ademais dunha importante presenza de estudantes universitarios, contará coa participación dun destacado grupo de axentes públicos e privados que en España traballan no eido do turismo. Reino Unido, Finlandia, Iberoamérica e Portugal tamén estarán fortemente representadas neste evento científico internacional. “O turismo é un sector que require da xente que traballa nel unha continua actualización e innovación e neste congreso quixemos dar resposta a esta crecente demanda”, destaca Fraiz.

Amplo programa

A cita organizada por AECIT, entidade científica sen ánimo de lucro que integra aos expertos máis relevantes que teñen como liña de investigación principal o estudo do turismo desde diferentes enfoques, ten nesta ocasión como lema a "Creación e desenvolvemento de produtos turísticos: innovación e enfoque experiencial". Esta elección débse, tal e como explica José Antonio Fraiz, a que “o sector traballa principalmente enfocado a dar ao usuario unha experiencia que lle reporte satisfacción e que lle faga repetila e/ou recomendala a outras persoas”. Baixo este título xenérico, os ámbitos de debate que centrarán o congreso serán o papel das administracións públicas no turismo; a xestión de destinos; o márketing turístico; os novos produtos; o turismo das experiencias; as novas tecnoloxías; a competitividade; a responsabilidade social e a transversalidade.

Thomas George Baum, da University of Strathclyde, en Reino Unido, será o encargado de abrir as sesións cunha conferencia inaugural sobre o impacto do cambio económico e tecnolóxico sobre a xestión de recursos humanos no turismo. A partir de aí desenvolverase un intenso programa que se achegará a casos de xestión turística de diferentes lugares, desde Kenya e Brasil ata Eivisa ou Pontevedra; que afondará en todo tipo de formatos turísticos, desde o sendeirismo e os eventos deportivos ata o turismo enolóxico e o urbano; e que se achegará a diferentes ferramentas que ten o sector na actualidade para a súa mellora, como o uso das redes sociais e os estudos de percepción.