DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha competición de simulación empresarial

Catro equipos da Universidade participan na primeira edición en Galicia de Global Management Challenge

As e os participantes actúan como o equipo directivo dunha empresa ficticia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Ourense 22/11/2019

Catro equipos da Universidade de Vigo e un total de 14 estudantes dos graos de Administración e Dirección de Empresas (ADE) dos campus de Ourense e Vigo participan na primeira edición de Global Management Challenge Galicia. Equipos das tres universidades galegas compiten nesta actividade de simulación empresarial que ten como obxectivo principal contribuír á formación en tarefas directiva das e dos participantes.  

A edición galega de GMC ten o apoio da Deputación Ourense e enmárcase na fase nacional desta iniciativa, desenvolvida pola Cámara de Comercio de España e que conta na súa 40 edición coa participación de máis de 2500 universitarios e universitarias. Na cita galega compiten 28 equipos, dos cales catro son da Universidade de Vigo. Da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense participan os equipos Ourense Termal, SCTR e GAL PRIX, compostos fundamentalmente por alumnas e alumnos do Grao de ADE pero tamén do Programa Conxunto ADE-Enxeñaría Informática e alumnado estranxeiro de intercambio. Completa a participación un equipo da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo chamado PAI2 e formado tamén por alumnado do Grao de ADE.  

Toma de decisións

Esta competición, explican desde a súa organización, poñe ás e aos participantes, a través dunha ferramenta de simulación, á fronte dunha empresa en funcionamento, debendo analizar o pasado próximo da entidade e tomar decisións sobre a estratexia e a súa implantación posterior. “En GMC os participantes aprenden a xestionar, a tomar as decisións axeitadas en cada momento e  entender o seu impacto en todas as áreas da empresa”, comentan. Asemade, engaden desde a organización, inicia ás e aos universitarios na utilización de “ferramentas de decisión que lles permiten analizar o estado e evolución da súa empresa e enfrontarse a un mercado real e unha contorna altamente competitiva”.

Actualmente os equipos galegos compiten na primeira rolda, distribuídos en catro mercados de sete empresas cada un. Clasificarase o mellor equipo de cada mercado e o segundo clasificado, medidos pola rendibilidade do seu investimento. Esta primeira fase dispútase integramente online entre os meses de novembro e decembro e cunha duración de seis semanas. A final galega contará coa participación dos oito mellores equipos en competición que se enfrontarán nun mercado único nunha final presencial. O equipo con maior rendibilidade do investimento será o campión de Galicia e asistirá aos eventos da final estatal.

Polas ferramentas de simulación utilizadas e a implicación de varias institucións e principalmente universidades, desde a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da Universidade de Vigo salientan como a participación nesta competición pode “incidir positivamente no talento, a empregabilidade e o emprendemento do alumnado”, podendo ser “o primeiro contacto coa realidade empresarial” para moitas e moitos dos participantes.