DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No xogo de negocios Beertual Challenge

Catro estudantes do campus de Ourense dirixen unha compañía cervexeira virtual

O primeiro equipo clasificado viaxará a China durante tres semanas

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Noelia V. Vilanova DUVI 27/01/2009

Os estudantes ourensáns Pablo Gutierrez, Silvia Costas e Cristina Fernández dirixen unha compañía cervexeira mundial con firmes plans de expansión internacional: Pomelo. Dito así semella unha excelente nova económica en tempo de crise, de non ser porque se trata dunha empresa virtual afincada no ficticio país de Beerland. De todas maneiras estes alumnos considéranse máis ca afortunados, pois forman parte do selecto grupo de estudantes que chegaron ás semifinais do xogo de negocios Beertual Challenge que organiza o Grupo Modelo, fabricantes da popular cervexa Coronita.
Dun total de 1800 participantes presentados,só 70 se atopan na fase de semifinais e, a nivel galego, só dous equipos seguen vivos na competición: Pomelo e Takamatsu Tax Shields, composto por estudantes da USC. Os tres habilidosos xerentes de Pomelo están a estudar o Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e, xunto a eles, acompáñaos na dirección da ficiticia empresa o estudante santiagués Pablo Encabo.
O seu traballo “ten moito mérito porque é realmente complicado chegar ata esta fase, pasaron moi poucos equipos”, explicaba a directora do máster, Ana Gueimonde. Para eles formar parte deste xogo significa ver máis de preto como funciona o mundo das finanzas e “aplicar o que estudamos nas clases á realidade, ademais os premios son moi tentadores”, comentou Gutiérrez.

Os inicios

O xogo comezou coa inscrición por parte dos estudantes que inmediatamente tiveron que enfrontarse a unha selección a través dun cuestionario de coñecementos básicos en xestión de empresa. Os mellores 1500 grupos avanzaron á seguinte etapa. Na fase de simulación os estudantes, empregando un simulador de negocios, competían coa súa compañía cervexeira nun mundo ficticio contra outras dúas empresas dos seu país, “cada semana equivalía a un ano e tiñas que tomar decisións no tocante a vendas, distribución, marketing, publicidade, patrocinios, etc”, explicou Gutiérrez. “Iniciamos o xogo cun presuposto de 80.000 dólares a curto prazo e 250.000 a longo prazo” e cada martes “tíñamos que enviar as decisións que tomaramos no tocante á xestión da empresa”. Os inicios foron un pouco complicados xa que “na cotización en bolsa estivemos dos últimos ata que atinamos coa estratexia axeitada”, pero parece que acertaron xa que lograron pasar ás semifinais.
Nesta etapa, a que se está a disputar agora mesmo, os equipos terán que desenvolver un plan de negocio seguindo o suposto de que a súa empresa “medrou tanto que é demasiado grande para o noso país e temos que elixir outro para ampliarnos”. Sudsona é o nome da rexión que elixiu o Grupo Pomelo, caracterízase por ser “un país emerxente cunha gran poboación e a pesar que se vende cervexa non adoita ser estranxeira”. Unha vez elixido o país para a expansión “tivemos que deseñar a nosa estratexia ano a ano, avaliando os riscos”. O traballo desta etapa será examinado polos executivos do Grupo Modelo que darán o veredicto de quen pasa á fase final o 2 de febreiro.
No último tramo do xogo, os equipos terán que convencer in situ a un xurado formado por directivos do Grupo Modelo e das empresas asociadas para que adquiran a súa compañía cervexeira virtual. Para Gutiérrez e o seu equipo, “chegar ata esta fase e poder viaxar a México a defender o noso traballo xa é un premio suficiente”.

Os premios

Os seis grupos que logren chegar ao final desta dura competición de negocios, tres en cada categoría, gozarán duns merecidos premios. No apartado de licenciatura os galardóns son para o primeiro un MBA, máster en administración de negocios, nunha universidade clasificada entre as 15 mellores do mundo; para o segundo posto o mesmo premio pero nunha universidade que se atope entre o número 15 e 30 das mellores valoradas e para o bronce o MBA será nunha universidade do seu país.
No tocante á categoría de máster os premios son os seguintes: o primeiro equipo clasificado viaxará a China durante tres semanas; o segundo dúas semanas a Europa e o terceiro unha semana a Canadá; todos eles visitarán nos seus respectivos destinos aos cónsules comerciais, as autoridades políticas rexionais, as universidades e a contactos culturais.