DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do proxecto ‘Lapasion’, xunto a alumnado de diferentes universidades europeas e americanas

Catro estudantes participarán en proxectos multidisciplinares en Brasil e Uruguai

Finlandia acolleu unha reunión dos participantes nesta iniciativa financiada polo programa Erasmus+

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 01/10/2018

O desenvolvemento de proxectos multidisciplinares por parte de estudantes de diferentes titulacións de 15 institucións académicas de Europa e América Latina é un dos eixos de traballo do proxecto Lapassion (Latin-America Practices and Soft Skills for Innovation Oriented Network), financiado con preto dun millón de euros polo programa comunitario Erasmus+. Coordinado polo Instituto Politécnico do Porto coas universidades de Vigo e Salamanca como únicas representantes españolas, este proxecto celebrou ao longo da pasada semana unha reunión de xestión que xunto a representantes das 15 institucións participantes na Universidade de Ciencias Aplicadas de Tampere, en Finlandia, onde, xunto a outra serie de cuestións, definíronse as estadías de dez semanas que, entre marzo e maio do vindeiro ano, levarán a estudantes de diferentes perfís e países a traballar conxuntamente no desenvolvemento “de proxectos de carácter multidisciplinar, reais e executables”, como sinala Carlos Souto, director do Campus Crea e coordinador de Lapassion na Universidade de Vigo. Un proxecto ao que, a través do Campus Crea S2i, a institución académica contribuirá enviando catro estudantes do campus pontevedrés a Brasil e Uruguai, co propósito que contribúan ao desenvolvemento de iniciativas vinculadas a mellorar a calidade de vida da poboación da rexión, no primeiro caso, e da infancia, no segundo.

Concretamente, trala realización dos primeiros proxectos interdisciplinares ao abeiro desta iniciativa neste 2018 en Chile, o proxecto continuará, entres marzo e maio de 2019, con tres novas iniciativas que reunirán a entre 20 e 30 estudantes ao longo de dez semanas nas localidades brasileiras de Uberlandia e São Luís, en proxectos coordinados polos Institutos Federais do Triángulo Mineiro e Maranhão; mentres que un terceiro levarase a cabo en Montevideo, da man da Universidad de la República e a Universidad Tecnológica de Uruguai. Nos dous últimos participarán, segundo explica Souto, dous alumnos ou alumnas da Universidade de Vigo, a través dunha convocatoria que se impulsará proximamente.

“Trátase dunha experiencia vital moi interesante e enriquecedora para calquera estudante, na que convivirá durante dez semanas con alumnado de formacións moi dispares e de diferentes países, cos que desenvolverá un traballo colaborativo, en grupo, no que terán que levar a cabo proxectos que teñan un impacto na sociedade”, sinala Souto tras coñecer en Tampere as impresións do alumnado e profesorado participante nas iniciativas levadas no presente ano a cabo en Chile ao abeiro deste proxecto europeo. “A verdade é que o proxecto está tendo unhas repercusións bastante interesantes e os estudantes que estiveron en Santiago de Chile achegaron un feedback magnífico”, recoñece Souto das primeiras iniciativas de carácter multidisciplinar promovidas ao abeiro dun proxecto que coordina o investigador do Instituto Politécnico do Porto Carlos Ramos

No caso concreto dos dous proxectos que contarán en 2019 coa participación das e os estudantes da Universidade de Vigo, o que se levará a cabo en São Luís “céntrase no índice de desenvolvemento humano, que implica medidas para mellorar a calidade de vida da poboación desa zona, na que hai un índice pobreza elevado”. Por outra banda, no que se desenvolverá en Montevideo, “a temática é a infancia”, engade o coordinador de Lapassion na Universidade de Vigo, institución que previamente participará nestas dúas iniciativas “enviando en novembro a dous docentes para que desenvolvan actividades de formación para os supervisores que van estar durante esas dez semanas coordinando aos grupos de alumnos”. 

Responsable de calidade

Xunto ao Instituto Politécnico do Porto, Lapassion reúne entre os seus socios ás universidades de Vigo, Salamanca e Tampere, ademais da Asociación Empresarial de Portugal, mentres que, do lado americano, forman parte dainiciativa os institutos federais brasileiros de Triángulo Mineiro, Goiás, Maranhão e Amazonas, xunto co Consello Federal de Reitores; a Universidad de la República e a Universidad Tecnolóxica de Uruguai, a Universidad Pontificia y Católica de Chile e a tamén chilena Fundación Instituto Profesional Duoc. Por parte da institución viguesa, o proxecto conta coa participación de investigadores e investigadoras das facultades de Belas Artes, Ciencias Sociais e da Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte, así como da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Así mesmo, a institución viguesa responsabilízase nesta iniciativa do plan de calidade, que Souto presentou en Tampere xunto coa técnica da Oficina de Relacións Internacionais (ORI) da Universidade Doris Fernandes. “A verdade é que foron catro días de xuntanzas moi intensos nos que se trataron todos os aspectos relacionados co proxecto e no que nós presentamos o plan de calidade co que os socios quedaron moi satisfeitos”, salienta Souto do que foi o terceiro management meeting de Lapassion, tralos celebrados en Porto e Pontevedra.

Así mesmo, Vigo será tamén encargada dos controis de calidade que se levarán a cabo en cada de un dos tres proxectos multidisciplinares que desenvolvan os equipos de estudantes, que se completarán “coa celebración na última semana dunha reunión de control de calidade na que participarán representantes da Universidade", explicou Souto.