DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Referendada por alumnado, PAS e PDI das tres universidades galegas

Catro horas de paro para rexeitar os recortes orzamentarios

Unhas 200 persoas concentráronse en Vigo para pedir unha educación universitaria pública e apoio á i

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 26/02/2013

Protestar contra a importante redución nos orzamentos autonómicos destinados á educación universitaria o mesmo día que se debaten no Parlamento galego. Ese era o obxectivo do paro de catro horas convocado nas tres universidades galegas e que levou a preto de 200 estudantes, docentes, investigadores e persoal de administracións e servizos da Universidade de Vigo a concentrarse ás portas do edificio do Reitorado do campus vigués, da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra e no Edificio Politécnico de Ourense para rexeitar a política de recortes no financiamento estrutural do Sistema Universitario de Galicia. Dende os sindicatos subliñan que, de aprobarse os novos presupostos, os recursos das universidades de Vigo, Santiago e A Coruña descenderían a niveis de 2005. En total, unha rebaixa do 5% que se traduce en 20 millóns de euros menos fronte ao estipulado no plan de financiamento e que obrigará ás universidades “a aumentar os ingresos externos”.

Con este paro simultáneo, a comunidade universitaria quixo facer un chamamento a loitar contra uns orzamentos “que non apostan pola sociedade do coñecemento”. Durante a concentración en Vigo, varios alumnos e alumnas leron un comunicado no que reclamaron “a defensa da universidade pública, de calidade e antipatriarcal, o financiamento público suficiente e a gratuidade da ensinanza universitaria”. Unha das maiores preocupacións das asociacións estudantís é a suba das taxas, xa que aínda que as contas non contemplan un incremento na primeira matrícula si que se paga máis a partir da segunda convocatoria.

Con pancartas co lema ‘En defensa dos salarios, do emprego e dos servizos públicos’ ou ‘Servizos públicos, si, grazas’, o persoal da Universidade de Vigo salientou que de darse luz verde aos presupostos non se poderán garantir os dereitos retributivos e os postos de traballo. Ademais, estudantado, PDI e PAS temen a repercusión que pode ter nestes colectivos unha perda de estabilidade orzamentaria na calidade da ensinanza, “nos importantes recortes na masa salarial dos traballadores e os constantes axustes en campos como os fondos dedicados á investigación”.