DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CCOO, CIG, CSI-CSIF e UGT concorren ás eleccións do 21 de abril

Catro modelos sindicais á procura dunha maior representación na Xunta de Persoal funcionario de administracións e servizos

J.López, X.Cebro, M.Estors e J.Santos analizan expectativas e liñas programáticas das formacións que

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 15/04/2010

387 persoas escollerán o vindeiro 21 de abril cos seus votos aos integrantes da nova Xunta de Persoal funcionario de administración e servizos da Universidade de Vigo. Coa novidade da presenza do sindicato independente CSI-CIF, a CIG, CCOO e UGT, volverán concorrer a este proceso no que se elixirán aos 13 integrantes da Xunta de Persoal que incrementará dous membros a súa composición respecto da estrutura actual na que a CIG conta con sete delegados e CCOO e UGT con dous, cada un.
Cando a campaña electoral entra na súa recta final o Duvi dialoga cos cabezas de lista das catro formacións sindicais que aspiran a revalidar ou acadar a maioría na Xunta de Persoal que se encargará da defensa dos intereses económicos e sociais do funcionariado da Universidade de Vigo os vindeiros catro anos.

Cales son as expectativas da formación sindical á que representa nas vindeiras eleccións sindicais?
José López (CCOO)
: Nun principio manter a nosa representación na Xunta de Persoal e se fose posible aumentala, se contamos co apoio dos compañeiros.
Xoan Cebro (CIG): Estamos seguros que, co apoio maioritario do persoal funcionario de administración e servizos nestas eleccións poderemos acadar un bo resultado que nos permita desenvolver o programa que presentamos para este novo mandato.
Marcelino Estors (CSI-CSIF): Dependerá do equipo reitoral que sexa elixido e do equipo xerencial e de como se constitúan as maiorías na Xunta de Persoal. Sobre todo se debe introducir na Universidade de Vigo unha formación nova para darlle aos votantes a oportunidade de elixir a persoas non vinculadas con intereses políticos.
José Santiago Santos (UGT): Incrementar significativamente a nosa representación e tentar conseguir unha maioría alternativa á actual.

Cales son os tres elementos fundamentais da mensaxe a da súa formación sindical?
CCOO
: Mantemento do talante sindical con independencia da Xerencia escollida polo equipo reitoral; aposta decida polo emprego e a defensa dos intereses de todos os compañeiros que inclúen dentro da RTP de funcionarios, sen distinción de categorías, grupo ou relación laboral.
CIG: O respecto absoluto ás decisións soberanas tomadas nas asembleas de funcionarios, así como aos acordos adoptados no seo da Xunta de Persoal; a defensa inquebrantable da transparencia na nosa acción sindical, tal e como se fixo nestes últimos anos, e a independencia de calquera equipo de goberno ou órgano de poder.
CSI-CSIF: Unidade, coherencia e independencia.
UGT: Son os principios que rexen a nosa acción sindical en todos os eidos, loitar por unha Universidade pública, democrática, de calidade e galega.

Desde o punto de vista sindical, cales considera que son a día de hoxe os tres principais problemas da Universidade de Vigo?
CCOO
: Diferentes categorías dentro do PAS; intestabilidade da Xerencia (nos últimos catro anos tres xerentes diferentes) e indefinición dunha política de persoal clara e precisa.
CIG: A falta de vontade negociadora por parte da Xerencia; a falta de ética democrática do resto de sindicatos que forman parte da Xunta de Persoal e a crispación creada por Xerencia nos diferentes servizos da Universidade, así como a inseguridade xurídica na que se atopan máis de 5000 opositores con motivo da aprobación unilateral dunha oferta de emprego público que incorre en numerosas irregularidades.
CSI-CSIF: O resumimos nun só, falta de entendemento, parece que estamos na Torre de Babel.
UGT: Sen dúbida o máis importante e urxente é a necesidade de negociar unha nova RTP completa, así como mellorar as condicións de traballo dos funcionarios e acadar un ambiente negociador con vontade real polas partes.

Como avalía o último período da Xunta de Persoal con maioría da CIG?
CCOO
: Negativo, xa que as representacións sindicais minoritarias non son escoitadas nin tidas en conta á hora de tomar decisión e ademais emprégase á Xunta de Persoal como se fose un órgano propio, sen regulamento de funcionamento interno polo que regularse.
CIG: Este último período de mandato estivo fundamentado pola absoluta falta de vontade negociadora da Xerencia, exemplificada na aprobación da Oferta de Emprego Público de xeito unilateral e, ademais, pola sumisión de CC.OO e UGT aos ditados políticos e ás directrices emanadas da Xerencia.
CSI-CSIF: Bastante aceptable.
UGT: Unha maioría absoluta que xa dura demasiado e produciu moi poucas luces e moitas sombras.

Como valora a presenza dunha candidatura de CSI-CSIF neste proceso electoral?
CCOO
: Parécenos ben, xa que pode achegar novas visións, propostas e participacións de proveito para todos os compañeiros.
CIG: É unha opción sindical que, historicamente, basea a súa acción no apoio á patronal. Non consideramos que o CSIF sexa un sindicato de clase, no sentido en que basee a súa acción sindical na defensa dos interese lexítimos dos traballadores, senón que pretende ocultar o conflito que se produce no ámbito da sociedade e da empresa, en beneficio de intereses corporativos.
CSI-CSIF: Unha novidade para implementar no campo electoral, para que o persoal teña un abanico máis amplo onde elixir.
UGT: É normal e positivo. Todas as aportacións e ideas novas son benvidas.

Habida conta que poucas semanas despois da elección da nova Xunta de Persoal producirase a elección dun novo reitor, que política no caso do persoal funcionario de administración e servizos lle demandaría ao novo equipo de Goberno?
CCOO
: Primeiramente teñen que definir a política de persoal e nomear un equipo xerencial estable. Así mesmo deberán apostar pola consolidación do emprego, desenvolvemento da carreira profesional, conciliación familiar, así como unha formación axeitada para levar a cabo funcións propias dos nosos postos e adaptación aos novos tempos da administración universitaria.
CIG: Demandamos un política de diálogo permanente, de xeito que non se deixen podrecer aqueles asuntos que atinxen ao persoal funcionario e o obriguen a iniciar conflitos innecesarios. Tamén que na programación da súa política de persoal se valore axeitadamente o traballo que desenvolve o PAS, porque este é o único xeito de que a Universidade acada os seus obxectivos.
CSI-CSIF: Só lle pediríamos un pouco de humildade e que sexa o reitor de todos.
UGT: Só pediríamos que teña un interese certo en resolver os problemas.