DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Afondan en temas como a investigación psicoeducativa, as dificultades na aprendizaxe e a diversidade

Catro opcións de mestrado para seguir a formación como docente

Un dos estudos é un máster compartido cos demais campus da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 27/06/2011
Cada día máis os requirimentos do mercado e a sociedade obrigan a unha formación continua. O título de graduado xa non é o punto final na formación dunha persoa e a realización dun mestrado ou doutoramento convértese nunha opción cada vez máis habitual. Como educadores dunha sociedade en permanente transformación, os docentes son un dos colectivos que máis demanda esta ampliación e actualización de estudos. Para eles, a Universidade de Vigo ofrece o vindeiro curso catro mestrados na Facultade de Ciencias da Educación de Ourense.

Mercedes Suárez, decana do centro, salienta que desde o día 1 de xullo e ata o día 7 do mesmo mes estará aberto o prazo de preinscrición nesta oferta de mestrados na área educativa. Trátase dos estudos exclusivos de Máster en Investigación Psicosocioeducativa con Adolescentes en Contextos Escolares; Máster en Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos e Máster en Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos. Ademais, Ourense acollerá de xeito compartido cos demais campus da Universidade de Vigo o Máster para o Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas.

Diversidade

“Convivir coa diversidade, e sobre todo aprender de e con ela, é un requisito necesario para o desenvolvemento harmónico das sociedades actuais. Por este motivo, o Máster en Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos xurde da constatación de que nos ámbitos educativos está presente esa diversidade e nin as institucións, nin os profesionais que nelas exercen, poden ignorar tal situación e as necesidades específicas que xorden dela”, salienta a coordinadora deste mestrado, Mercedes Suárez.

Deste xeito, as persoas que cubran as 32 prazas dispoñibles no Máster en Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos afondarán en cuestións como o interculturalismo, a compensación das desigualdades, a formación de adultos, a cuestión de xénero e as necesidades educativas especiais. A diferenza dos demais mestrados, na súa programación inclúe a realización de prácticas en institucións externas.

Investigación e aprendizaxe

O Máster en Investigación Psicosocioeducativa con Adolescentes en Contextos Escolares está destinado a dar unha resposta psicosocioeducativa, enfocada desde a investigación, aos retos sociais actuais e ás complexas necesidades derivadas do desenvolvemento económico, cultural e social actual. Coordinado polo profesor Antonio López, o perfil do mestrado, que conta con 12 prazas, está especialmente enfocado ás persoas cunha marcada sensibilidade social e interese pola problemática dos grupos sociais.

O terceiro dos mestrados no ámbito educativo que se impartirán o vindeiro curso no campus de Ourense é o Máster en Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos, coordinado por María del Mar García Señorán e dotado con 20 prazas. O seu obxectivo é ofrecer una formación avanzada, especializada e multidisciplinar orientada a coñecer o estado actual da investigación no ámbito das dificultades de aprendizaxe e os procesos cognitivos.

Mestrado compartido

Por último, o campus de Ourense acollerá de xeito compartido o Máster para o Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas, coordinado a nivel xeral por Antonia Blanco e en Ourense por Carme Ricoy. A súa finalidade principal é que os estudantes coñezan os contidos das materias relativas á súa especialización docente, así como os procesos de ensino e aprendizaxe correspondentes. Trátase dun título oficial que habilita para o exercicio das profesións de profesor de Ensino Obrigatorio, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas.