DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrado esta fin de semana en Castellón

Catro pratas no Campionato de España Universitario certifican o bo nivel do atletismo vigués

José Alfonso Palomanes, Lorena Luaces, Solange Andreia Pereira e Víctor Gallego acadaron as medallas

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 09/05/2011

As catro medallas obtidas polos atletas da Universidade de Vigo no Campionato de España Universitario esta fin de semana en Castellón certifican o bo momento polo que pasa o atletismo nesta institución. Catro pratas que viñeron da man de José Alfonso Palomanes en triple salto masculino cunha marca de 15.52 metros, por detrás de José Emilio Bellido, da universidade anfitrioa, a Jaume I, que obtivo unha marca de 15.69.

Lorena Luaces, en 5000 metros marcha acadou a segunda medalla tras clasificarse por detrás de Julia Takacs, da Universidade Complutense de Madrid (21:50.48), cun tempo de 22:25.18. Na carreira de 1500 metros feminina, Solange Andreia Pereira foi tamén segunda cun tempo de 4:21.26 por detrás de Isabel Macías, da Universidade de Zaragoza, que fixo un tempo de 4:20.05. Finalmente, completou o medalleiro da Universidade viguesa Víctor Gallego no lanzamento de disco de 2 kg. O galego obtivo un resultado de 53.17, por detrás do atleta da Universidad Católica de San Antonio, Pedro José Cuesta, cunha marca 57.40.

Ademais, os resultados positivos da Universidade de Vigo obtidos neste campionato nacional complétanse con dous cuartos postos, o de Lucia Pérez Currás, no triple salto feminino e o de Esperanza Caldas, nos 400 metros; dous quintos postos, de Víctor Gallego, en Peso (7,260kg), e Sandra Mosquera, nos 5000 metros femininos e tres sextos postos: Eva Maria Iglesias nos 5000 metros de marcha feminina, Santiago Ferrer, en pértega e Iria Fernandez, nos 10.000.

O único ouro galego viu da man da viguesa Esther Navarrete, representante da Universidade de Santiago de Compostela nos 5000 metros, que puxo o broche a unha moi boa actuación dos universitarios galego na cita nacional na que participaron máis de 500 atletas de 57 universidades.