DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xogadoras de baloncesto lideran a primeira división autonómica

Catro vitorias nunha boa fin de semana para os equipos ourensáns

O Campus Ourense Rugby sénior masculino gañou ao Santiago RC

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 05/11/2012

En rugby e en baloncesto esta fin de semana foi unha boa xornada para os equipos do campus de Ourense. Os ourensáns gañaron en todos os encontros disputados. Deste xeito, as xogadoras de baloncesto lideran a súa liga, a primeira división autonómica, e o Universitario Campus Ourense de baloncesto sénior masculino acadou rachar os malos resultados dos anteriores encontros grazas a unha axustada vitoria ante o Estudantes Lugo Leyma Natura. Pola súa banda, os conxuntos de rugby, aínda que xogaron partidos preparatorios e non de liga, tamén gañaron os encontros que disputaron o sábado.

Na terceira xornada da liga da primeira división autonómica, o Universitario Campus de Ourense sénior feminino gañou ao Plexus-Cluny por un claro marcador de 65-33 puntos. Este resultado subiu ao primeiro posto da táboa ás xogadoras adestradas por Adrián Álvarez, que acumulan dúas vitorias e unha derroga neste inicio de tempada. A vindeira xornada agardan consolidar o seu posto cunha vitoria contra o Porriño Bto Base Canteiras Grupo Pescanova.

Na primeira división sénior masculina de baloncesto, os ourensáns tamén obtiveron bos resultados ao gañar ao Estudantes Lugo Leyma Natura por un resultado final de 63-69 puntos. Este marcador sitúa aos xogadores adestrados por Toni Garda nun décimo posto na clasificación, cun total de dúas derrotas e dúas vitorias no que vai de competición oficial. A vindeira semana intentarán tamén consolidar este bo resultado gañando o encontro previsto contra o Club Deportivo Recimil.

Resultados en rugby

Esta fin de semana xogaron os equipos das categorías sénior masculina e cadetes do Campus Ourense Rugby. O conxunto sénior xogou un partido preparatorio en Santiago de Compostela contra a Santiago RC. Cun resultado final para os ourensáns de 0-24, o partido amigable foi unha oportunidade para saír ao terreo os xogadores que non veñen sendo habituais no primeiro equipo. Tamén permitiu o debut de moitas caras novas que se están sumando ao club nas últimas semanas. Pola súa banda, a categoría cadete, adestrada por Ernesto Barboza, disputou un partido preparatorio da súa a liga contra Os Ingleses de Vilagarcía, equipo ao que se impuxeron fai dúas semanas.O encontro rematou cunha vitoria para os ourensáns de 31 a 15 puntos.