DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nesta edición promocionaranse actividades pouco coñecidas entre a sociedade

Caza, pesca, xadrez, futbolín e bridge protagonizan as V Xornadas da Comunicación e do Deporte

Varios expertos serán os encargados de impartir doce relatorios entre o 24 e o 25 de outubro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 17/10/2011

Porque hai oportunidades laborais máis aló da organización de eventos para fútbol, baloncesto, fórmula 1 ou motociclismo, a quinta edición das Xornadas da Comunicación e do Deporte centrarase este ano na promoción de aqueles “deportes que non son deportes”. Durante o 24 e 25 de outubro, o alumnado do campus de Pontevedra coñecerá da man de profesionais do sector, de asociacións e federacións “as principais claves para xestionar e organizar actividades deportivas que moita xente non considera como tal, caso do futbolín, caza, pesca ou bridge”, explica Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural, Deportes e Comunicación do campus e coordinadora das xornadas.

Nesta nova edición, as xornadas comprométense coa difusión de actividades reservadas a un público minoritario e especializado. Como aclara Fernández Souto, “son prácticas deportivas que non gozan do recoñecemento social e da repercusión de outras, aínda que se promovan internacionalmente”. Por esta razón sinala que é necesario demostrar que hai máis posibilidades deportivas e comunicativas que as típicas prácticas, “converténdose en posibles clientes que ás veces nin se atenden nin se contemplan e que teñen as súas necesidades comunicativas coa organización de eventos ou coa procura de patrocinadores”.

Como xestionar a caza do zorro

As xornadas serán inauguradas por representantes do Comité Olímpico Español e do Consello Superior de Deportes que explicarán a normativa española, afondando no que se considera ou non deporte. “Explicarán os criterios que empregan para definir o que é un deporte olímpico, destacando porque o xadrez ou o bridge reciben ese calificativo e o parchís, por exemplo, non”, puntualiza a directora das xornadas. Entrarase en materia coa caza, “segundo deporte en España que conta con máis licencias deportivas tras o fútbol”, da man da Federación Galega de Caza, a que achegará as principais claves e técnicas para xestionar un evento como a captura do zorro. “Dende o punto de vista comunicacional facer fronte a un evento destas características supón un gran reto para o profesional pois sempre terá que saír ao paso das protestas das protectoras de animais”, exemplifica Fernández Souto.

A pesca tamén será tema de debate da man de Rafael Nogues, membro do comité organizador do Open Internacional de Corcheo de Mar, que explicará as especificidades do evento e a súa repercusión en revistas especializadas. Os alpinistas Andrés Fraga e Juan Rivas tamén participarán nas xornadas para falar da promoción online do proxecto 6 mil pasos que eles mesmos protagonizaron, redactando a través de blogs e das redes sociais as súas vivencias á hora de realizar o Camiño de Santiago dende o norte de Europa. Os beneficios das redes sociais para a organización de campionatos de xadrez a nivel internacional; o caso de empresas emprendedoras que axudan na promoción de pequenas federacións; o parque de atraccións Pena Aventura Park de Chaves como exemplo de posicionamento para un produto novo e sostible e as principais estratexias de comunicación na organización de eventos do futbolín e do bridge, completan o programa desta nova edición.

A visión do patrocinador e do patrocinado

Como en anos anteriores, o fenómeno do patrocinio terá unha atención especial, “ofrecendo desta vez o punto de vista do patrocinador e do patrocinado”, puntualiza a directora das xornadas. Así, a segunda xornada comezará coa conferencia de Miguel Bados, de ASDE SL, empresa especializada na organización de eventos deportivos. Bados “ofrecerá unha visión do panorama actual do negocio do patrocinio e das marcas”, centrándose especialmente nas novas estratexias deseñadas para facer fronte á crise económica. Como contrapunto, tamén intervirá Miguel Churruca, responsable do departamento de marketing de Blusens, que “dará o outro punto de vista e explicará a política de patrocinio da marca en moto GP”, sinala Fernández Souto.

A xornada inaugural comezará o vindeiro 24 de outubro ás 10.30 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra e a asistencia aos relatorios convalidarase cun crédito de libre configuración. A inscrición, de carácter gratuíto, farase cubrindo a ficha que se pode descargar da web do campus de Pontevedra e enviala a campuspontevedra@uvigo.es.