DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro vén de recibir os resultados positivos da avaliación feita pola ACSUG nunha experiencia pil

CCSS e da Comunicación convértese na primeira facultade de Galicia en acreditar as súas titulacións

A axencia destacou o labor realizado en materia de mobilidade, prácticas e garantía da calidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 02/10/2014

Os graos en Publicidade e Relacións Públicas, Comunicación Audiovisual e Dirección e Xestión Pública, xunto co máster en Dirección de Arte en Publicidade veñen de converterse “nos primeiros títulos que completan en Galicia o proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior”. Deste xeito presentaba a decana de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres, o resultado da auditoría que unha comisión da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) realizou o pasado mes de abril na facultade e trala que vén de emitir un informe no que recolle a acreditación positiva destas catro titulacións, no marco dunha experiencia piloto que converte ao centro do campus no primeiro na autonomía en completar a última fase da implantación dos estudos de grao e posgrao.

Trala verificación inicial dos plans de estudo de todos os graos e mestrados vixentes na actualidade e o posterior proceso de seguimento, as diferentes titulacións deberán someterse en 2015 a un proceso de acreditación que Ciencias Sociais e da Comunicación vén de superar cun ano de adianto. Isto é así porque no seu día a ACSUG puxo en marcha un proxecto piloto que “serviría para marcar a folla de ruta que van a seguir todas as titulacións de Galicia”, e no que a facultade pontevedresa “atreveuse a facer, moito antes de tempo, o que é o exame final da calidade dos seus estudos”, segundo explicou o reitor, Salustiano Mato, que nesta xornada compareceu en rolda de prensa xunto á decana e ao vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho. O obxectivo desta comparecencia non era outro que dar a coñecer o resultado positivo dun proceso que “estalle dicindo á cidadanía, e dunha maneira contrastada, que nos títulos que se imparten na facultade, estase a cumprir todo o que se determina como obxectivos no plan de estudos”. Xunto á Universidade de Vigo, sumáronse a este proxecto piloto as de Santiago de Compostela e A Coruña, mais Ciencias Sociais e da Comunicación foi a primeira en completar un proceso que permite amosar que “se están a cubrir as expectativas competenciais dos alumnos”, como engadiu Mato, que manifestou o seu agradecemento polo “exhaustivo traballo” realizado polo equipo decanal do centro, que no momento de iniciarse o proceso encabezaba o propio Juan Manuel Corbacho.

“Esta é unha noticia moi positiva para a facultade, para o campus, para a Universidade e tamén para a cidade, que pode contar con titulacións punteiras, que están a vangarda no que é a calidade do sistema universitario”, engadiu Torres, para quen a acreditación positiva supón “a consolidación da viabilidade e da adecuación dos títulos, tanto ás demandas do alumnado como ás do propio tecido empresarial no que se insiren os egresados”. De aí que, a conclusión final da decana do que é o resultado dun “proceso arduo, que require de moitos recursos e da implicación de moita xente” sexa que este supón "a confirmación de que as cousas se están a facer axeitadamente”.

Mobilidade, prácticas e calidade

Despois de que, en abril, a comisión de avaliadores da ACSUG realizase unha “minuciosa auditoría” na facultade, a comezos de setembro a dirección do centro recibiu un informe provisional no que as catro titulacións avaliadas eran acreditadas positivamente, e tralo que, explicou Torres, se elaboraron unha serie de “plans de mellora” nas áreas sinaladas polos auditores. Foi así como hai uns días chegou o informe final, no que a comisión destaca como “aspectos máis positivos” o sistema interno de garantía de calidade do centro, o “gran labor que se está a realizar na parte práctica das titulacións”, os recursos materiais dos que dispón o centro ou os “bos resultados no ámbito de mobilidade”. Así mesmo, a comisión tamén destacou a “facilidade de comunicación" entre o profesorado e os estudantes e a “satisfacción do empresariado” co alumnado que realiza prácticas externas en empresas.

Non obstante, a comisión tamén fixou “deberes”, como apuntou a decana. Concretamente que o centro precisa de máis recursos humanos, un problema “alleo á Universidade e polo que o reitor ten unha especial preocupación”. Así o ratificou o propio Mato, que criticou o problema que supón a taxa de reposición, que limita a contratación de novo persoal para cubrir as prazas que quedan vacantes por xubilación ou outras circunstancias, e que definiu como unha “norma letal para a Unversidade”, que sofren especialmente “aquelas facultades que se atopan nun proceso de consolidación”. Por iso, felicitouse de que “algo se estea movendo por fin” desde o Goberno central neste aspecto, xa que “se non podemos reter talento, moito menos imos poder captalo”.

Recoñecemento para Dirección e Xestión Pública

Unha vez obtida a acreditación positiva, Ciencias Sociais e da Comunicación emprenderá nos próximos meses unha serie de accións dirixidas a proxectar estas titulacións e avanzar na súa internacionalización, segundo anunciou Torres. A decana amosou a súa satisfacción por poder contar con dúas titulacións “únicas no Sistema Universitario Galego”, como son Publicidade e Relacións Públicas e Dirección e Xestión Pública, polo feito de que Comunicación Audiovisual conseguise “articular unha identidade propia con resultados moi positivos” e pola traxectoria do máster en Dirección de Arte en Publicidade, “que é o froito dun traballo fundamental, o de analizar as necesidades reais do mercado”.

Nesa mesma liña pronunciouse tamén o reitor, que incidiu “na importancia dun título singular como é Dirección e Xestión Pública, o único que prepara a un profesional para a función pública de forma específica”. Por iso, Mato lamentou que a día de hoxe “os mecanismos da administración non teñan interiorizado que existen estes titulados”. Concretamente, criticou o “anacronismo” que supón que estes egresados e egresadas “estean a ter unha acollida directa no ámbito privado” e, pola contra, se vexan “excluídos por desleixo” nos procesos selectivos da administración pública, que non inclúe o seu perfil “como un dos esixibles para participar nun concurso”, a pesares da súa formación específica para “a alta dirección pública”. Este asunto supón unha “loita constante” para a Universidade, que está a elaborar informes para “que isto mude rapidamente”, segundo explicou o reitor, para o que non se trata dun “problema de falta de vontade política, senón da inercia das maquinarias administrativas, que deben interiorizar que, ademais dos profesionais tradicionais, existen estes especialistas”.