DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os catro estudos de posgrao do centro atraen alumnado do resto de España, de Europa e de Latinoaméri

CCSS e da Comunicación estrea o primeiro mestrado de España en dirección pública

O interese polo novo máster obrigou a ampliar matriculados, xa que había catro veces máis solicitude

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 28/07/2011

Para o curso 2011/2012 a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación conta cunha nova oferta de posgrao, o Máster en Dirección pública e liderado institucional, que vén a completar a ofrecida polo Máster en Investigación en comunicación, o Máster en Dirección de arte en publicidade e o Máster en Creación, desenvolvemento e comercialización de contidos audiovisuais. Os catro mestrados “tradúcense nunha oferta académica interesante e complementaria para os futuros profesionais que se están a formar nesta facultade”, engadiu Juan Corbacho, vicedecano de Alumnado do centro.

Dende o decanato da facultade amósanse “plenamente satisfeitos” polos resultados acadados “e pola excelente acollida que teñen os estudos para este novo curso”, superando en número de preinscricións as prazas ofertadas. Cunha temática, formulación e metodoloxía variada, con dous mestrados profesionalizantes e dous de carácter investigador, e cunhas modalidades que van da presencial á online, todos teñen en común a recepción de solicitudes de fóra da comunidade autónoma, “interesándose estudantes e profesionais do resto de España, de países de Europa e de ata Lationamérica”, subliñou Corbacho.

Líderes en dirección e xestión pública

O mestrado que se estrea neste vindeiro curso académico está dirixido polo profesor Xosé Mahou e tentará formar a especialistas na dirección e na xestión pública. “Trátase do primeiro estudo de posgrao de España con estas características, que vén a oficializar unha formación que ata o de agora non estaba regulamentada”, asegura. Das 10 prazas ofertadas, recibiron un total de 36 solicitudes, “o que nos obrigou a aumentar a matrícula ata 15, cubrindo xa 13 na primeira convocatoria”. Este mestrado, de 3 semestres e 90 créditos, ofrece a posibilidade de continuar coa carreira investigadora e unha porcentaxe importante do alumnado “son profesionais do sector interesados en adquirir competencias en asesoría, consultaría, dirección e xestión”.

Camiño para o doutoramento

O Máster en Investigación en comunicación é o irmán maior dos estudos de posgrao da facultade. No curso 2011/2012 cumpre tres anos, “e sempre cunha tendencia a alza na ampliación das prazas, aumentando de 20 a 22 para este novo ano e tendo xa cubertas 17”, explicou Mercedes Román, coordinadora do mesmo. Tras sinalar a importante presenza de profesores foráneos cunha gran traxectoria, subliñou o índice de éxito dos doutorados ao abeiro deste mestrado, “pois das 24 teses presentadas, 17 doutores atópanse traballando en universidades españolas e portuguesas”.

O boom da interactividade

Despois dun primeiro ano “de toma de contacto” no que se cumpriron as expectativas ao conseguir cubrir a totalidade das prazas ofertadas, o Máster profesionalizante en Dirección de arte en publicidade, dirixido polo profesor Jesús Pérez, enfronta o seu segundo ano de vida co reto de fortalecer no plan docente o peso do deseño multimedia e dos medios interactivos, “onde na actualidade hai máis posibilidades de emprego, xa que concentra unha boa parte do investimento publicitario”. Coa creatividade e co deseño gráfico como eixes principais, o mestrado foi quen de cubrir 25 prazas en primeira convocatoria, “reservando 10 para os que se queiran matricular en setembro”.

Guións que se converten en realidade

O Máster profesionalizante en Creación, desenvolvemento e comercialización de contidos audiovisuais, coordinado pola profesora Anna Amorós, completa a oferta do centro. Co obxectivo marcado de que “todos os guións que se escriban deben ser presentados no mercado e non quedar no caixón”, 12 dos 21 proxectos desenvolvidos polo alumnado do primeiro curso para o seu traballo fin de mestrado atópanse en concurso de subvencións “para que dentro de 3 ou 4 anos haxa producións audiovisuais nadas dende esta facultade”. Cun perfil de alumnado procedente tanto dende o eido da comunicación como das humanidades, Amorós sinalou a necesidade de pechar matrícula cun máximo de 25 prazas, “xa que preferimos que cada estudante goce dunha titorización e atención persoal e próxima”.