DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa proxección do filme ‘Verano 1993’ e un coloquio co cineasta Álvaro Gago

CCSS e da Comunicación súmase a conmemoración do Día do Cine Español

Aberta ao público, a actividade terá lugar este xoves ás 16.30 horas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 04/10/2022

Co obxectivo de recoñecer o papel dos profesionais do sector do cinema, así como a  influencia e importancia desta industria na vida cultural e social do país, o Consello de Ministros acordou o pasado ano instaurar o 6 de outubro como o Día do Cine Español, unha conmemoración que esta semana alcanza a súa segunda edición coa programación de máis de 300 actividades dentro e fóra de España. Entre elas, a que na tarde deste xoves terá lugar na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde se proxectará a primeira longametraxe da directora catalá Carla Simón, Verano 1993, completándose a actividade cun coloquio co cineasta e exalumno da facultade Álvaro Gago, que foi un dos montadores desta película gañadora de tres premios Goya.

“Adherímonos a esta celebración, que consideramos un día moi importante, porque somos unha facultade na que formamos futuros cineastas”, salienta o vicedecano Paulino Pérez da incorporación da facultade á programación deste Día do Cine Español. “Trátase dunha xornada dirixida a recoñecer o motor que representa esta industria para o país e para amosar que o cinema español está atravesando un momento marabilloso”, engade dunha conmemoración á que a facultade se suma cunha actividade aberta ao público e programada para as 16.30 horas.

Do resultado final ao proceso de traballo

Segundo informou o Ministerio de Cultura, para esta conmemoración a Filmoteca Española puxo a libre disposición dous filmes, co propósito de que fosen exhibidos en institucións educativas, asociacións culturais e outras organizacións. Un deles, Verano 1993, a primeira longametraxe de Carla Simón, que recentemente era seleccionada para representar a España na próxima edición dos premios Óscar coa súa segunda película, Alcarrás. Premiada nos Goya, na Berlinale e no Festival Internacional de Cine de Buenos Aires, Verano 1993 foi a seleccionada pola facultade, tanto polo interese “dunha película moi natural”, rodada en catalán e que narra a historia dunha nena de seis anos que afronta o seu primeiro verán coa súa nova familia adoptiva tras a morte da súa nai, como polo feito de que “temos a sorte de que Álvaro Gago participou na montaxe da película”, apunta Pérez. Titulado en Comunicación Audiovisual. Gago atópase actualmente traballando na súa primeira longametraxe Matria, despois de que a curta co mesmo nome, que estreou en 2017, acadase máis de 70 galardóns, entre eles, o premio do xurado do festival de Sundance. 

Deste xeito, a súa participación neste Día do Cine permitirá que a proxección en versión orixinal subtitulada de Verano 1993 (Estiu 1993) se vexa completada cun coloquio, moderado pola directora de arte e profesora asociada Ledicia Bellón, que permitirá afondar no propio proceso de traballo desta produción. “A idea é falar da montaxe, da dirección de fotografía, de aspectos relacionados coa dirección de actores, que eran tamén noveis, do valor de realizar películas independentes...”, salienta Pérez da conversa que sucederá á proxección.