DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Remata o curso de verán 'Cine Galego. Entre o obxectivo identitario e a produción low cost'

Celanova, de cine entre estreas e rodaxes

Alumnado de Comunicación Audiovisual gravan e estrean un docudrama durante a súa celebración

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 22/07/2011
A localidade ourensá de Celanova foi esta semana un bulir de xente vinculada ao mundo audiovisual galego coa celebración do curso Cine Galego. Entre o obxectivo identitario e a produción low cost. A presenza das equipas de tres producións galegas de baixo custe, como son 18 Comidas, Crebinsky e Doentes, e máis de medio cento de asistentes fixeron que do 20 ao 22 de xullo o cine fora o gran protagonista da vida nesta localidade. Este venres chegou a hora de baixar o pano e para facelo nada mellor que a estrea de Os Calderetas, un docudrama gravado en Celanova por alumnos de Comunicación Audiovisual durante a celebración do curso.

O profesor da Universidade de Vigo Miguel Anxo Fernández, director da iniciativa, destaca a súa satisfacción pola excelente resposta e acollida que tivo o curso entre asistentes, colectivo audiovisual e o propio concello ourensán. “Foi unha edición moi boa, tanto que estamos condenados a repetila”, salienta. O curso, que forma parte da programación de verán do campus de Ourense, estivo organizado pola Fundación Carlos Casares e o Consorcio Audiovisual de Galicia e contou co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense, o Concello de Celanova, a Xunta de Galicia e Novacaixagalicia.

Os Calderetas

No éxito desta edición, o director apunta que foi fundamental o formato de "master class" escollido este ano, que consistiu en que cada día comezou coa proxección dunha película, que foron 18 Comidas, Crebinsky e Doentes, e o resto do día membros do seu equipo, como directores, guionistas e produtores, analizaron cos asistentes as súas características. “Foron sesións maratonianas de 10 da mañá a 8 da tarde moi dinámicas, intensas e produtivas para todos”, destaca Miguel Anxo Fernández. No caso de Doentes a súa proxección foi ademais a estrea en Ourense desta produción galega dirixida por Gustavo Balza.

Ademais das sesións e como parte do curso de verán, Celanova foi tamén o escenario de gravación dunha produción de baixo custe. Un grupo de 8 alumnos de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo gravaron, coordinados polo profesor Paulino Pérez, un docudrama, un “falso documental” que ten por título Os Calderetas, en referencia a un dos alcumes dos habitantes desta localidade. Na rodaxe participaron celanoveses e asistentes ao curso, con pequenos cameos de actores como Miguel de Lira e o propio Miguel Anxo Fernández. “Foi un intenso traballo, día e noite, dos rapaces e rapazas participantes que deu os seus froitos nesta produción de 10 minutos de duración”, apunta o director do curso. A súa estrea é o peche cinematográfico de Cine Galego. Entre o obxectivo identitario e a produción low cost.