DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O cociñeiro compartirá coa comunidade universitaria a súa metedoloxía Sapiens

A celebración do centenario de Telefónica traerá a Ferran Adrià ao campus de Vigo

O acto terá lugar o día 22 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Visitas
  • Visitas
DUVI 11/04/2024

A Rede de Cátedras Telefónica súmase á celebración do centenario da compañía de telecomunicacións a través das xornadas Imaginémonos sin límites, unha iniciativa que está a levar ao cociñeiro Ferran Adrià por diferentes universidades no Estado. O vindeiro día 22 de abril o chef visitará o campus de Vigo, onde presentará a súa metodoloxía Sapiens.

A xira inaugurouse a comezos deste mes na Universidad Francisco de Vitoria de Madrid e ata o mes de novembro, o cociñeiro e embaixador de Telefónica dende 2010 percorrerá nove institucións académicas e 15 cidades. A de Vigo, como unha das 25 universidades con Cátedra Telefónica, acollerá a súa visita o día 22. O programa comprende un acto de benvida, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, ás 11.00 horas, que dará paso á conferencia de Adrià, titulada Imaginemos: 100 años de innovación, na que compartirá co alumnado a súa metodoloxía 'Sapiens', unha técnica centrada en conectar diversas respostas para comprender mellor e fomentar a innovación, captar a atención dos presentes e impulsar a importancia da innovación no eido. Como resume o propio cociñeiro, “cando conectas todas as  posibles respostas, podes comezar a comprender. Se comprendes, innovarás mellor e poderás  actuar con éxito”. 

Logo do relatorio, Ferran Adrià presentará ao alumando da UVigo o Challenge ElBulli846, un desafío que ten como obxectivo o estímulo, a difusión e o coñecemento da metodoloxía Sapiens para a súa aplicación en traballos fin de grao, mestrado e proxectos innovadores en materias de grao e mestrado oficiais. O estudantado da UVigo poderá poñerse a proba neste reto e as persoas gañadoras, dúas por cada cidade, recibirán como premio unha estadía de dous días en Cala Montjoi cun programa exclusivo de actividades xunto con Adrià e o equipo de elBulliFoundation.

Esta non é a primeira experiencia de Adrià no eido dos retos, xa que o cinco veces doutor honoris causa, é promotor de multitude de challenges relacionados coa innovación nas universidades e escolas de negocio máis recoñecidas do mundo, como Harvard, MediaLab do MIT, London Business, Columbia, etc. Ademais, tampouco será a súa primeira visita á Universidade de Vigo, onde xa estivo no ano 2010, como convidado e padriño dun acto de recoñecemento ás empresas organizado polo Consello Social.

Once anos da Cátedra Telefónica na UVigo 

A Rede de Cátedras Telefónica naceu en 2001 como instrumento de formación, investigación e transferencia de coñecemento para o impulso das TIC na sociedade dende unha óptica multidisciplinar. Esta alianza está xa estendida por 25 universidades, unha delas a de Vigo, na que se creou a cátedra hai 11 anos co obxectivo de promover a aplicación das tecnoloxías da información e as comunicacións no eido do ensino universitario, a investigación e a innovación. Dirixida polo catedrático do Departamento de Enxeñería Eléctrica José Cidrás, ao abeiro da cátedra téñense desenvolvido nestes anos obradoiros, conferencias ou MOOCs de interese para o alumnado que abordaron temas como a programación con Arduino, a enerxía intelixente, as cidades intelixentes ou seminarios sobre a plataforma MiríadaX. Ademais, a cátedra tamén participou, entre outros eventos, no Foro Tecnolóxico de Emprego, no congreso Smart Cities and Communities ou nas diferentes edicións do hackatón HackforGood.

As persoas interesadas en asistir á xornada deben inscribirse a través deste enlace.