DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na súa terceira edición, é a primeira vez que ten lugar en España

A celebración do congreso CISTI 2008 en Ourense pon á ES de Enxeñaría Informática no punto de mira internacional

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 11/06/2008

A Escola Superior de Enxeñaría Informática acollerá a celebración da Conferencia Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información na que é a súa primeira edición en España. O congreso CISTI 2008, no que colaboran varios grupos de investigación españois, portugueses e arxentinos, é un escaparate internacional do presente e do futuro das ferramentas informáticas nos variados campos nos que estas interveñen, e terá lugar entre os días 19 e 21 de xuño no Edificio Politécnico do campus.
Manuel Pérez, presidente do congreso e profesor da Universidade de Vigo explicou que “tras unha longa loita no comité organizador conseguimos que viñera para España, concretamente para Galicia e, por suposto, para a ESEI” dixo, “xa que é unha grande oportunidade para ensinar o que ofrecen tanto a escola como a cidade de Ourense a nivel tecnolóxico” engadiu. As dúas anteriores edicións celebráronse en Portugal e, para a vindeira, xa solicitaron acoller o congreso tres universidades españolas, catro portuguesas, dúas arxentinas e unha alemá xa que “é unha cita internacional de gran relevancia e, polo tanto, a súa organización esperta moito interese” explicou Pérez. En vista do bo balance dos anos anteriores “que non puido ser máis positivo, tanto a nivel de participación como de calidade, agardamos que aquí se mellore se cabe a súa imaxe, porque temos moito que ofrecer” engadiu.
O congreso está dirixido a todos aqueles profesionais que empreguen a informática para o seu traballo, tanto de fóra da Universidade como de dentro, ou simplemente para os que teñan curiosidade no tema. “Pretendemos dar a coñecer á xente o que sobre estas novas ferramentas se está a facer en diferentes campos presentando, a través dos relatorios, exemplos concretos dalgúns eidos nos que se está a traballar” engadiu o profesor. E é que son os propios usuarios os que están a desenvolver os retos que a informática deberá abordar nos vindeiros anos, “polo que non só faremos unha achega ao presente das TIC, senón, máis vén, ao seu futuro” puntualizou.
Ao longo de catro conferencias, 97 relatorios, numerosos pósters e a presentación de sete temas de investigación avanzada ao Doctoral Consortium, o congreso abordará a informática centrada no usuario, os modelos de organización e os sistemas de información, a xestión de coñecemento, a arquitectura, as aplicacións e as ferramentas de software, a rede de computadores, a mobilidade e a informática na saúde, entre outros temas.

Relatorios de peso internacional

A primeira conferencia terá lugar o día previo á inauguración do congreso, o mércores 18 no salón de actos da Confederación Empresarial de Ourense debido á estreita colaboración da CEO coa Universidade de Vigo na organización do CISTI deste ano. O encargado de impartir a charla será José Ramón García, presidente de Bluesens, unha das empresas galardoadas na III edición dos Premios á Excelencia Empresarial. García explicará “como unha empresa, a súa, pode ser catapultada da nada ao éxito internacional en só cinco anos grazas á informática” dixo Manuel Pérez.
A conferencia inaugural do día 19, xa no Edificio Politécnico do campus, correrá a cargo da Conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, que falará “de como a informática modificou nestes últimos anos o panorama da arquitectura e a súa concepción completa, nun campo que parece bastante afastado” comentou Pérez.
O venres 20, tomará a palabra o profesor alemán Jörg Thomaschewski para afondar na discrepancia entre a investigación e o uso empresarial das TIC que, matizou Pérez, “non é tal, cada vez se fan aplicacións máis áxiles e próximas aos clientes e traballadores, a verdade é que se está achegando cada vez máis a investigación á realidade” .
Para finalizar, José María Cela impartirá o relatorio do acto de clausura sobre supercomputación, en calidade de director do Departamento de Aplicacións do BSC do Centro de Supercomputación de Cataluña.