DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O festival, enmarcado no programa Tetrauria, terá lugar entre o 27 de outubro e o 2 de novembro

A celebración do FITO converterá Ourense nun referente internacional das artes escénicas

Froito da colaboración entre diferentes entidades, conta cun orzamento de 120.000 euros

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 25/09/2008

Tralo gran éxito recollido pola MITEU e a MOTI, nace o Festival Internacional de Teatro de Ourense, co ambicioso obxectivo de converter a cidade nun referente outonal das artes escénicas en Galicia. O FITO, que se enmarca no programa Tetrauria, contará na súa primeira edición cun variado programa no que ademais de senlleiras compañías mundiais e nacionais, estarán presentes tamén formacións de países iberoamericanos e lusófonos que ofrecerán un achegamento á súa realidade cultural. Cun orzamento de 120.000 euros, a mostra é unha iniciativa da Tenencia de Alcaldía de Ourense, a Deputación Provincial a través do Teatro Principal, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia e a Vicerreitoría do campus.
“Queremos construír un espazo para o lecer cidadán, o encontro cultural e o intercambio de olladas, que nace da necesidade que temos todos de soñar”. Con estas verbas definía Ánxeles Cuña, directora do proxecto, o espírito co que se creou o FITO, impulsado polo grupo ourensán Sarabela Teatro, dirixido por Fernando Dacosta. “Xa que Ourense é o berce de tantos artistas, temos que conseguir que se converta cada outono nun imán que atraia as artes escénicas, como unha Atenas galega” engadiu Cuña. E nese camiño é no que se está a traballar grazas a un programa municipal máis amplo, Tetrauria, que comezou este verán co espectáculo Asombro na auga e que abarcará tamén a MITEU, a MOTI e por suposto, o FITO. Neste senso, Alexandre Sánchez, tenente da Alcaldía, comentou que o teatro, ao igual que a política, “ten que ter voz, vida, imaxe e ambición, por iso dende o concello estamos a traballar no deseño dun escenario cultural que nos sitúe no mapa internacional”.
Pola súa banda, o vicerreitor do campus de Ourense, Juan Francisco Gálvez reiterou o compromiso da Universidade de Vigo de ser ademais de motor educativo, investigador e económico, “motor cultural da cidade, con iniciativas como as aulas de teatro, a Intercultural, a MITEU, ou a MOTI”. Ademais sumouse á ilusión e esperanza de que o FITO se consolide para facer realidade “o soño de ter un outono teatral, para o que colaboraremos sempre que poidamos, dentro das nosas posibilidades” concluíu.

Un programa diversificado e multicultural

Cun total de 12 espectáculos, teatro de rúa e outras actividades paralelas como as Xornadas de teatro da Asociación de Actores de Galicia, o FITO pretende converterse, entre o día 27 de outubro e o 2 de novembro, no festival de outono galego de teatro. Para iso, á hora de escoller aos participantes, Ánxeles Cuña explicou que se mantivo “o criterio de excelencia e calidade para crear un programa diversificado que permita chegar a todos os públicos”. O amplo abano de liñas e tendencias inclúe tamén un achegamento a culturas afíns como as dos países iberoamericanos e lusófonos a través das últimas dramaturxias tanto nacionais como alén das nosas fronteiras.
Así, o prato forte virá da man do grupo ancestral danés Odin Teatret, dirixido polo referente mundial, Eugenio Barba, coa obra de influenza oriental Las grandes ciudades bajo la luna. Tamén estarán presentes os sevillanos recoñecidos internacionalmente, La cuadra, co seu espectáculo Flamenco para Traviata e os populares Els Joglars. Ademais, a ollada a Iberoamérica virá dada polos grupos de Arxentina, Uruguai e Chile que conmoverán aos espectadores coa súa calidade interpretativa en temas coma o da emigración española. O punto de encontro entre latinoamérica e a cultura lusófona estará na formación brasileira Pé de vento, que enlazará co grupo portugués de referencia nestes momentos no país veciño, Mundo Perfeito.