DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido por Carlos Lago Peñas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Celta, Deportivo e Pontevedra, melloran o seu rendemento coa colaboración do grupo de investigación Hi20

Prevención de lesións e preparación estratéxica dos partidos, algunhas das liñas de traballo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 31/07/2008

O Real Club Celta de Vigo, o Real Club Deportivo de A Coruña ou o Pontevedra Club de Fútbol, son algúns dos clubs que na actualidade son asesorados por investigadores do grupo Hi20 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que desde hai tres anos traballa na mellora do rendemento dos futbolistas. As principais liñas de traballo do grupo que dirixe Carlos Lago Peñas con estes clubs, xiran en torno a programas de prevención de lesións, estudos do rendemento técnico-táctico e a preparación estratéxica dos partidos, “analizando ao equipo rival e ao propio”, subliñou Carlos Lago. Esta tarefa de asesoramento inclúe, así mesmo, produtos que lles poidan ser útiles aos deportistas no seu día a día, como programas informáticos para o seguimento das lesións, sistemas de análises de vídeo dos xogos ou soporte tecnolóxico para a realización de controis físicos. En definitiva, como explica Lago Peñas, “o noso labor consiste en xerar coñecemento científico que permita a súa aplicación a cada equipo”.

Unha gran relación entre profesionais e académicos

A necesidade de estudar e analizar os deportes colectivos, foi o que levou a un grupo de docentes e alumnos de doutoramento da Universidade de Vigo a crear o grupo Hi20, no que actualmente colaboran o preparador físico do RC Deportivo da Coruña, o médico do RC Celta de Vigo e o preparador do Pontevedra CF. En total 15 investigadores e profesionais que dedican o seu labor a mellorar o rendemento dos futbolistas e a sacarlle o máximo proveito a ese vínculo entre o eido académico e o laboral. “Esta é unha área de coñecemento en constante evolución e iso fai que desde as universidades sexa moi importante o papel investigador, para orientar aos deportistas e adestradores en torno aos novos procedementos e sistemas”, explicou Carlos Lago. Ademais, o director do grupo Hi20 destacou que as últimas tecnoloxías permiten o dominio de aspectos que hai poucos anos eran incontrolables e que proceden, normalmente, dos estudos dos equipos de investigación de universidades, “por iso o académico e o profesional deben ir da man”.

O obxectivo: asesorar a clubs deportivos de primeiro nivel

Tras sete anos de traballo analizando os deportes de equipo, o obxectivo a medio prazo do grupo Hi20 é “vincularnos dun xeito continuo con varios clubs deportivos de alto nivel”, apuntou Carlos Lago. Ademais, segundo apunta o director do grupo de investigación “desde un punto de vista investigador pretendemos conseguir unha certa continuidade nas publicacións de impacto e acadar polo menos dous ou tres proxectos anuais subvencionados que permitan o financiamento do grupo”.
Máis información: Grupo Hi20