DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus, moi satisfeito cos resultados do proxecto 'The Global Chemistry Experiment' na cidade

Cen escolares participaron no maior experimento colectivo de ciencia

Este mércores celebrarase o acto de peche cunha conferencia no IES Otero Pedraio

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 21/11/2011
O pasado mes de maio, desde o campus e o Concello de Ourense púxose en marcha a participación dos centros educativos da cidade no que se considera o maior experimento colectivo de ciencia, The Global Chemistry Experiment. Water: a Chemical Solution. Os estudantes tiñan que realizan catro experimentos sobre a calidade da auga e compartir na rede os seus resultados con centros de todo o mundo. A piques de rematar a experiencia, son xa seis centros e arredor dun cento de alumnos os que se uniron a esta iniciativa, que ten como obxectivo divulgar o coñecemento e concienciar sobre o uso dun ben tan prezado como é a auga.

Os resultados da iniciativa, que forma parte dos actos do Ano Internacional da Química e está organizada pola UNESCO e a IUPAC, foron presentados este luns por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Ana Garrido, concelleira de Educación de Ourense; Xosé Antón Vila, director do CITI, e Diego González, profesor da Universidade de Vigo e coordinador da iniciativa na cidade. “Este proxecto é un exemplo de todo o que se pode facer con poucos recursos pero coa colaboración das entidades”, salientou a vicerreitora do campus de Ourense durante a rolda de prensa de presentación dos resultados.

En total, e segundo explicou Ana Garrido, en Ourense participaron seis centros educativos, que son o 12 de Outubro, Universidade Laboral, O Couto, Otero Pedraio, Xulio Prieto Nespereira e Salesianos, dez profesores e máis de 100 alumnos. Unha cifra que Diego González apunta que é moi elevada tendo en conta que é a máis alta no estado, só por detrás de Barcelona. Estes participantes durante o curso desenvolveron nas aulas catro experimentos de laboratorio: dous enfocados á medida da calidade da auga e outros dous nos que se ensinaban determinados métodos de purificación de auga. Unha vez rematadas as experiencias, cada centro está agora publicando os seus resultados na web internacional do proxecto para enriquecer cos seus datos a panorámica xeral da calidade das augas no mundo.

Exemplo de transferencia

Como colofón e acto central do desenvolvemento deste proxecto en Ourense, o mércores 23 de novembro, ás 20 h e no paraninfo do centro Otero Pedraio, o coordinador internacional do experimento, Javier García Martínez, ofrecerá unha conferencia na que presentará o desenvolvemento actual do proxecto, resolverá posibles dúbidas dos participantes e compartirá inquedanzas en relación co experimento.

Aproveitando a súa estadía na cidade, o xoves día 24, ás 12.00 h, o convidado ofrecerá no Edificio salón Marie Curie do Edificio Politécnico a conferencia Transferencia tecnolóxica: da universidade á empresa. Historia dunha viaxe persoal, organizada polo CITI e a Vicerreitoría do Campus de Ourense. Director do Laboratorio de Nanotecnoloxía Molecular da Universidade de Alacante, Javier García é inventor de 24 patentes, autor de numerosos artigos científicos e tamén fundador da empresa de base tecnolóxica Rive Technology, ademais de vicepresidente do Consello de Tecnoloxías Emerxentes do Foro Económico Mundial de Davos, membro da IUPAC e asesor da Comisión Europea en temas de innovación e emprendemento, entre outros cargos. Un perfil que, tal e como salientou Xosé Antón Vila, o converten “nun exemplo de transferencia tecnolóxica e divulgación científica que merece a pena escoitar”.