DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celébrase esta fin de semana en Castro Laboreiro e Entrimo

Un centenar de docentes e futuros docentes participan no XXXIV Encontro Galego-Portugués de Educadores/as pola Paz

A Facultade de Educación e Traballo Social é unha das entidades organizadoras

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Investigación
DUVI Ourense 21/04/2023

A zona da raia, concretamente Castro Laboreiro (Melgaço, Portugal) e Entrimo (Ourense), acolle desde este venres 21 de abril e ata o domingo 23 a celebración do XXXIV Encontro Galego-Portugués de Educadores/as pola Paz. A cita, organizada por Educadores/as pola Paz-Nova Escola Galega, Agappaz e a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, reunirá a un centenar de estudantes, profesorado, educadoras e educadores e outras persoas “interesadas na memoria histórica da solidariedade galego-portuguesa na raia seca”.

Coa celebración desta nova edición do encontro, que entre moitos apoios conta co da Vicerreitoría do Campus de Ourense, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, explica que “dámoslle continuidade á nosa traxectoria de promovermos prácticas educativas e de acción colectiva da cidadanía que promovan unha cultura de paz en todos os contextos sociais e educativos”. Esta cultura, subliña, acadarase cando a cidadanía teña a capacidade de resolver os conflitos e loitar pola xustiza de forma non violenta e valore a diversidade cultural, obxectivo para o que, dixo, a axenda da Haia propón “unha educación radicalmente diferente para as xeracións futuras: na contra de glorificar a guerra, educar para a paz, para a non violencia e para a cooperación internacional”. Por este motivo, comenta o pedagogo ourensán, é importante que “a educación lance as sementes para construír un futuro con paz, cidadanía e vida inclusiva”, tal e como pretende fomentar este encontro galego-portugués.

A cita márcase como obxectivos afondar nas relacións educativas e culturais de Galicia e Portugal; fundamentar a educación para a paz mediante o recurso a fontes e estudos históricos; amosar ao profesorado galego biografías de referentes históricos da profesión; dar a coñecer realidades históricas xeográficas e culturais da fronteira galego portuguesa e participar dun encontro de debate horizontal entre docentes, favorecendo as actividades lúdicas e dinámicas. A programación arranca na tarde deste venres no centro cívico de Castro Laboreiro co discurso de ingreso na Academia de Ciencias Sociais do Couto Mixto da profesora Paula Godinho, da Universidade Nova de Lisboa, que leva por título Memoria do Couto Mixto e condiçao cosmopolita, e a conseguinte resposta do presidente da entidade, Luis García Mañá. Seguiralle unha sesión titulada A raia da amizade: do Penedo dos Tres Reinos ao Baixo Miño, na que participarán Santiago Veloso, de Ponte... nas Ondas!, e a profesora e investigadora lusa Diana Gonçalves, que falará das mulleres da raia, proxectándose o seu audiovisual Mulleres da Raia, para rematar o día cunha “homenaxe a Indiana e Pilar”.

Recoñecemento á solidariedade na raia

Xa o sábado, a programación continuará coa presentación de experiencias e comunicacións sobre persoas exiliadas e perseguidas que encontraron refuxio na raia. Así, falarase dos guerrilleiros e refuxiados en Castro Laboreiro e de persoas como Eudosia Lorenzo, o Señor Inacio e o Señor Afranio, de Luis Soto, de José Pena Domínguez e Bieito Fernández ou da represión fascista do maxisterio galeguista. Tamén haberá obradoiros e unha camiñada pola serra “ata os agochos emblemáticos de persoas refuxiadas galegas protexidas pola comunidade castrexa”, de Castro Laboreiro. O domingo, a actividade pecharase cunha homenaxe do Concello de Entrimo ao pobo de Castro Laboreiro “pola solidariedade demostrada no período da represión franquista” e coa presentación da Revista Galega de Educación, entre outras actividades.

Con esta programación, explican desde a organización da actividade, ademais da loita de 34 anos pola paz e a xustiza, os encontros “queren nesta oportunidade actuar na práctica, facendo posible algo de xustiza con esas persoas que combateron o fascismo dos estados español e portugués, dando leccións de solidariedade que non poden continuar a ser ignoradas, polo grande valor pedagóxico que atesouran”. A educación en Galicia, lembran, “xa tivo noutra época eses principios de democracia, liberdade e xustiza, mais o fascismo reaccionou violentamente co propósito de desenterrar as raíces de calquera brote de pensamento disidente”. Así, apuntan, “docentes e outras persoas demócratas da Galicia republicana en 1936 conseguiron fuxir dunha morte segura grazas á solidariedade de milleiros de veciños e veciñas da raia galego-portuguesa. Uns e outras merecen ser recordados e a súa memoria formar parte da educación das novas xeracións da raia e doutras terras galegas e portuguesas”.