DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cidade de Ourense acolleu este sábado a I Carreira Urbana de Orientación Solidaria

Un centenar de participantes, máis de 2000 quilos de produtos doados e moita solidariedade

Os organizadores agradecen todas as achegas recibidas de particulares e empresas

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 27/05/2013

“Foi un éxito a participación e un éxito a recollida de produtos non perecedoiros e de hixiene realizada. Só podemos dar as grazas a todas as persoas, empresas e entidades que se animaron a participar nesta iniciativa e que doaron material para o Banco de Alimentos e Cruz Vermella”. Así resume Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense, a celebración este sábado da I Carreira Urbana de Orientación Solidaria. Un centenar de inscritos, miles de quilos recadados, 1000 euros doados para a compra de máis material e moita solidariedade no ambiente caracterizaron a primeira edición dunha iniciativa que aspira a consolidarse no calendario universitario.

A cita foi o sábado 25 de maio, ás 10.30 h, na Praza Maior da cidade. Alí, as persoas inscritas e as que se quixeron unir no último momento, foron trocando dorsais por quilos de alimentos non perecedoiros e de hixiene. “Especialmente satisfactorio para nós foi ver entre os participantes moitos nenos e nenas e moitas familias, que se animaron a pasar a fantástica mañá de sábado que tivemos participando nunha acción solidaria e deportiva”, destaca Rodrigo Alberte Pivida. A todos eles e elas Xan Trigo, da Asociación Galega de Clubs de Orientación, foi o encargado de explicar en que consistía cada unha das probas deseñadas e de entregar o material de orientación necesario para cada carreira.

Os rapaces de 3 a 10 anos, acompañados por adultos, participaron nunha proba de orientación chamada “Correliña” e os adultos dividíronse entre unha proba de iniciación á orientación e a realización do roteiro da obra A Esmorga, de Blanco Amor, polas rúas da cidade. “Foron probas sinxelas que os participantes realizaron perfectamente. Cada un na súa modalidade tiña que facer un percorrido guiándose por un mapa e localizar unha serie de balizas. Como non era unha carreira competitiva, primou en todo momento o bo ambiente e as gañas de diversión”, explica o responsable do Servizo de Deportes do campus. Deste xeito, non se entregaron galardóns aos primeiros de cada modalidade senón que se deu a cada participante un agasallo.

Un esforzo que vale a pena facer e repetir

Despois da celebración da carreira, o Banco de Alimentos de Ourense levou para os seus almacéns o material alimentario recollido e a Cruz Vermella o hixiénico, para posteriormente ser repartido entre as persoas e colectivos máis necesitados da provincia aos que atenden. “É difícil cuantificar o material recollido pero calculamos que supera os 2000 quilos. Todos os participantes doaron máis que o quilo que lle pedíamos de mínimo e logo fixemos unha fila cero na que diversas empresas doaron tamén produtos e incluso diñeiro, concretamente 1000 euros. Desde a organización queremos agradecer especialmente estas achegas porque dados os tempos que corren foron moi xenerosas”, destaca Rodrigo Alberte Pivida.

Polo éxito na recollida de doazóns, no número de inscritos e no nivel de satisfacción dos organizadores e participantes a intención dos promotores da iniciativa é dar continuidade a esta carreira o vindeiro curso académico no marco das actividades de solidariedade que cada ano se organizan no campus de Ourense. “É un esforzo de todos que vale a pena facer e repetir”, subliña o responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense.