DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación organizará un coloquio internacional sobre esta cuestión

Un cento de comunicacións para pór luz na historia da educación

A cita celebrarase en Monforte de Lemos e no campus de Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 22/10/2018

Monforte de Lemos e o campus de Ourense acollerán entre o 9 e o 12 de xullo de 2019 o XX Coloquio de Historia da Educación. Identidades, internacionalismo, pacifismo e educación (séculos XIX e XX). A cita, coordinada desde a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, contará coa presentación dun cento de comunicacións e a participación de arredor de 200 especialistas de 50 universidades.

Segunda edición vez en Galicia

O coloquio, organizado pola Sociedade Española de Historia da Educación, as tres universidades galegas e as universidades de Lisboa, Florencia e Santa Catarina do Sul, foi presentado este luns no campus de Ourense por representantes das entidades implicadas na súa organización. No acto, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, salientou como esta iniciativa é “froito dunha suma de esforzos en prol do coñecemento e o ben común”, facendo fincapé no feito de que implica dúas provincias e tres universidades na súa organización. Do mesmo xeito, Manuel Doval, deputado de Cultura da Deputación de Ourense, subliñou a importancia da “educación como transformadora da sociedade” e de iniciativas que como este coloquio contrubúen a avanzar no seu desenvolvemento. Pola súa banda, Marina Doutón, concelleira de Cultura, Educación, Xuventude e Igualdade do Concello de Monforte de Lemos, agradeceu a confianza depositada coa elección desta vila lucense para acoller parte do evento e lembrou o pasado educacional “moi importante” deste municipio.

Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación ourensá e presidente do comité organizador do coloquio, e María Victoria Carrera, profesora deste centro e secretaria do evento, foron os encargados de debullar as características da cita. A Sociedade Española de Historia da Educación, indicaron na presentación, encargou ás universidades galegas a organización deste XX coloquio, un foro de debate iniciado en 1982 e que xa foi organizado polas universidades galegas na súa sexta edición, no ano 1990. “No eido da historia da educación as universidades galegas sempre fomos xuntas”, subliñou Xosé Manuel Cid, apuntado como esta cita permitirá “pór en valor” o coñecemento no eido da historia da educación desenvolvido non só en Galicia senón tamén no contexto estatal e internacional.

Da identidade ao internacionalismo

A programación da edición a 2019 do coloquio, detallaron os seus responsables, articúlase en tres amplas seccións que corresponden aos tres tópicos fundamentais da cita, como son identidades, internacionalismo e pacifismo. Sobre a relevancia destes tres eixes, desde a organización do evento salientaron como na construción e desenvolvemento histórico dos sistemas educativos interviñeron factores e motivacións non só educativas senón tamén culturais, políticas, relixiosas, idiomáticas, económicas, etc. Algúns destes factores, engadiron, apuntan á cuestión das identidades por unha banda e por outra ao internacionalismo. “A alfabetización non sempre foi en beneficio do analfabeto senón doutros obxectivos como os políticos”, advertiu Xosé Manuel Cid lembrando o traballo que contra esa “alfabetización a medias” fixeron ao longo da historia “mestres que ían abrindo miras e traballando por unha educación de cidadáns e non de súbditos”.  

O XX Coloquio de Historia da Educación. Identidades, internacionalismo, pacifismo e educación (séculos XIX e XX), apuntou María Victoria Carrera, permitirá abordar “que tipo de identidades se construíron”, achegándose ao carácter socializador da escola, ao carácter construído e non natural das identidades nela e á contraposición entre o modelo positivista educativo, de reprodución do modelo dominante, fronte á opción da educación liberadora. Ademais de falar de identidades, desde a organización do coloquio sinalaron que nel abordarase como na segunda metade do século XX, co convencemento da necesidade de construír sociedades pacíficas, naceu unha crecente rede de institucións e servizos desde onde se veu propiciando a cooperación internacional, o que se traduciu nunha ollada progresivamente transnacional ao desenvolvemento educativo. “As identidades, o internacionalismo e o pacifismo propiciaron diversos e a miúdo contrapostos exercicios, prácticas e experiencias que merece a pena revisar criticamente”, recalcaron desde o comité organizador do coloquio sobre a relevancia dos contidos que se abordarán na súa 20 edición. A historia da educación, lembrou Xosé Manuel Cid na presentación deste luns, “é un tema crucial e de moita actualidade” sobre o que é necesario afondar e debater.