DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dun requisito previo á admisión no grao, co que garantir uns niveis de competencia motriz

Un cento de estudantes enfróntanse ás probas de acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte

Foron superadas por preto do 90% dos participantes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 15/06/2023

Garantir que o futuro alumnado do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte posúa as aptitudes necesarias para o correcto desenvolvemento das competencias propias desta titulación é o propósito das probas de aptitude física que este xoves realizaban un centenar de mozos e mozas. Despois de tres cursos nos que a situación provocada pola pandemia obrigou á suspensión temporal deste requisito previo para o acceso á titulación, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte recuperaba neste 2023 unhas probas dirixidas a garantir que as e os aspirantes posúen a competencia motriz necesaria para o correcto aproveitamento da formación práctica que implican estes estudos. Para iso debían obter a cualificación de aptos ou aptas, tras superar as marcas fixadas en seis dos sete exercicios que compoñen estas probas, como fixeron 94 das e dos 103 participantes nesta convocatoria. Superado este requisito,serán as cualificacións na ABAU e o expediente académico as que determinen se obterán ou non praza nesta titulación o vindeiro curso.

Un total de 103 dos 121 inscritos e inscritas, enfrontáronse este xoves ás probas de adaptación ao medio acuático, forza explosiva dos membros superiores, forza explosiva dos membros inferiores, axilidade con obstáculos, mobilidade articular, habilidade ximnástica e resistencia aeróbica. “As probas mantéñense iguais” que nos anos previos, explica a profesora Águeda Gutiérrez, responsable de coordinar unhas avaliacións realizadas coa participación de 22 profesores e profesoras da facultade. Deste xeito, as e os aspirantes debían superar seis dos sete exercicios, coa excepción do de adaptación ao medio acuático, levado a cabo na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), “que é obrigatoria”, polo que aqueles e aquelas que non a superasen “non podían seguir dentro do proceso”. 

Tanto para quen non logrou a cualificación de apta ou apto como para os que non concorreron este xoves, o vindeiro martes terá lugar a segunda convocatoria destas probas. Como explica Gutiérrez, as cualificacións acadadas teñen unha validez de dous cursos e para o acceso á titulación é valido tamén telas superado previamente noutra universidade española. Así mesmo, están exentos deste requisito as persoas acreditadas como deportistas de alto nivel ou de alto rendemento polo Consello Superior de Deportes ou o organismo competente da comunidade autónoma. 

Unha probas “accesibles e necesarias”

Divididos en cinco grupos e chegados de diferentes partes de Galicia, así como doutros puntos da xeografía española, as e os aspirantes foron realizando os diferentes exercicios ao longo da mañá. Entre os primeiros en completalas atopábanse María Aneiros, María Beltrán, Jacobo Fernández, Diego Carballeira e Alba Bouzón, que recoñecían como “bastante accesibles” unhas probas que prepararan previamente e que vían tamén como “necesarias”. Coa excepción de Aneiros, que dubida entre este grao e o de Fisioterapia, todos eles teñen en Ciencias da Actividade Física e do Deporte a súa “primeira opción” de cara a iniciar os seus estudos universitarios o vindeiro curso, e na facultade pontevedresa o centro no que lles gustaría cursalos, coa excepción de Carballeira, natural de Ferrol, que baralla tamén a posibilidade de realizar este grao na Universidade da Coruña.