DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade intervén no Encontro de Escolas Asociadas da Unesco a través do proxecto Ronsel

Un cento de estudantes de Infantil, Primaria e Secundaria poñen en común o seu traballo a prol da biodiversidade e o diálogo de culturas

Pablo Carpintero ofreceu un concerto didáctico e un obradoiro de construción de instrumentos tradici

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 14/01/2010
“Non esperen nada do século XXI, é o século XXI o que espera todo de vostedes”. Con esta frase formulada por Gabriel García Márquez no Parlamento da Xuventude ante a ONU inaugurou o III Encontro de Escolas Asociadas da Unesco en Galicia a responsable estatal da rede, Rufina Moreno. Desde hoxe e ata o sábado, 101 estudantes de Educación Infantil, Primaria e Secundaria poñerán en común no Pazo da Cultura o seu traballo nos proxectos da Unesco e reforzarán os seus lazos de pertenza a esta rede. Para isto, desenvolveranse unha serie de actividades centradas no lema do 2010, declarado Ano Internacional da Biodiversidade e do Diálogo entre Culturas, nas que intervén a Universidade de Vigo a través do proxecto Ronsel.
No acto de inauguración, Rufina Moreno aludiu á importancia dunha educación para o desenvolvemento sostible para que os máis novos poidan “transformar a cultura de guerra e violencia na que estamos inseridos nunha cultura da paz, o respecto e o diálogo, que garanta os dereitos humanos”.
Pola súa parte, Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais, alén do necesario respecto á biodiversidade para o equilibrio do planeta, subliñou a importancia da diversidade cultural “como factor no que cómpre desenvolver moito traballo desde as administracións públicas, o ensino e a sociedade en xeral, nun tempo no que existe un importante debate sobre a lingua do noso país”. Destacou tamén a relevancia de combinar o traballo sobre a cultura propia co diálogo entre culturas, “pois o coñecemento do alleo permite valorar máis aínda o propio”.
Insistiu na necesidade de protexer a lingua o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, que acusou ao goberno autonómico actual de fomentar “unha redución retrógrada do galego na escola e de alentar un debate que non existía”. “Debemos evitar que a Unesco teña que protexer a nosa lingua como un obxecto de museo e traballar para que sexa un axente vivo en todos os ámbitos”, engadiu.
Interviñeron tamén no acto de inauguración o concelleiro de Educación, Julio Castela, e a coordinadora galega de Escolas Asociadas á Unesco, Luisa Márquez.

O labor patrimonial do proxecto Ronsel

Iván Area salientou tamén “a satisfacción da Universidade de poder colaborar un ano máis coa Unesco e de ter a oportunidade de facelo a través do proxecto Ronsel”, que exerce un importante labor de pescuda e recuperación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia. Con este motivo, Area lembrou a visita recente da Universidade á sede da Unesco para expoñerlle o traballo deste proxecto a unha delegación de países do norte de África, “para que poidan eles aplicar a nosa metodoloxía á preservación da súa riqueza cultural”. Animou tamén aos asistentes a visitar o portal web do proxecto, con máis de 50 horas de vídeos e 400 páxinas de artigos, “porque a Universidade entende que o patrimonio inmaterial é unha obra colectiva de todos e dos que nos precederon, e que, polo tanto, debe ser de acceso público”.

Un concerto didáctico e creativo

A primeira achega da Universidade ao encontro tivo lugar despois da inauguración. Pablo Carpintero, un dos maiores coñecedores do acervo musical galego, ofreceu un concerto didáctico co fin de amosarlles aos nenos e nenas a riqueza instrumental da tradición galega, dende as primeiras gaitas de alcacén feitas con dúas pallas ata os máis sofisticados e enxeñosos instrumentos de vento e percusión. Carpintero destacou que, froito de diversas investigacións e un arduo traballo de campo polas aldeas galegas, están documentados 120 instrumentos diferentes, dos que amosou 30 ao longo da súa actuación.
Combinou breves explicacións coa interpretación de pequenas pezas, ás que os pequenos e pequenas debían estar ben atentos, pois tras o concerto sorteouse un exemplar do libro Os instrumentos musicais na tradición galega entre os que responderon correctamente á unha pregunta formulada polo músico. Este exemplar, o maior que ata o de agora recolle a historia do patrimonio musical galego, vén de ser publicado pola Universidade co aval da Unesco.
Este concerto serviu de estímulo para abrir a curiosidade dos estudantes de cara ao obradoiro de patrimonio centrado na construción de instrumentos tradicionais que os membros do proxecto Ronsel impartirán hoxe e mañá no seo deste encontro.

Presentación de proxectos por parte do alumnado

Luisa Márquez, a coordinadora galega das Escolas Asociadas á Unesco, destaca o traballo desenvolvido ao longo de todo o ano, “con proxectos incluídos na programación anual dos centros, traballos elaborados co intercambio entre varios centros e actividades extraescolares”. Os resultados desas investigacións son o tema central do obradoiro de presentacións. Alumnos e alumnas de todas as idades serán os encargados de explicar os proxectos realizados en torno aos dous eixos do encontro, o desenvolvemento sostible e a interculturalidade. As temáticas do primeiro van dende a auga e a biodiversidade ata a ocupación do espazo e o deseño da cidade pensada para os nenos. No segundo eixo o alumnado traballou temas tan diversos como o Camiño de Santiago, as regueifas, os xogos populares, a inmigración e a igualdade de xénero.
As actividades restantes do encontro estrutúranse en outros dous obradoiros rotatorios, tamén con grupos para as distintas idades. A asociación Ventos de estudos ambientais realizará un taller sobre biodiversidade titulado Soportes da escritura. E o profesor Xabier Prado coordinará o obradoiro de interculturalidade O multilingüismo nas túas mans.
O encontro está promovido polas Escolas Asociadas da UNESCO de Galicia, a Concellaría de Educación do Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo e conta coa colaboración da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria. Nel participan trece centros educativos, dos que sete están localizados no concello de Pontevedra. Súmanse así ás 8.500 institucións educativas adscritas á Unesco en 180 países diferentes, que traballan a prol da comprensión internacional, a paz, o diálogo intercultural, o desenvolvemento sostible e a educación de calidade.