DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xornadas están organizadas polos Comités

Un cento de estudantes reflexionan sobre a situación do galego nas xeiras "Dálle á lingua"

Contan coa participación de profesionais das artes, as novas tecnoloxías e os medios de comunicación

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Lucía Costas DUVI 15/04/2009

Reflexionar e analizar a situación actual da lingua galega e promover o seu emprego como idioma oficial de Galicia. Estes son os obxectivos das xornadas organizadas polos Comités da Universidade de Vigo, coa colaboración das vicerreitorías de Relacións Institucionais e Extensión Cultural e Estudantes e a Área de Normalización Lingüística. Baixo o lema Dálle á lingua, xeiras sobre a lingua galega, esta agrupación estudantil traballou co obxectivo “de que estas xeiras sirvan de espazo para o debate e a reflexión en torno á normalización da nosa lingua e, así mesmo, para demostrar que no noso idioma se pode facer de todo: arte, tecnoloxía e formación”, aseguraba Iago Varela, voceiro dos Comités, no acto de apertura celebrado esta mañá. Máis dun cento de estudantes dábanse cita na sala I do Edificio Miralles amosando un grande interese na participación destas xornadas, interese reflectido logo nas múltiples intervencións realizadas na quenda de preguntas das diferentes mesas redondas que compoñen o programa.
Dálle á lingua e unha iniciativa que ten como finalidade dar a coñecer a situación e as novas propostas que afectan ao galego “nas artes, nos medios de comunicación e nas novas tecnoloxías”, engadía Varela. Nesta liña, tamén se expresaba Mª Carmen Cabeza, vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, que cualificaba o evento como “un pulo para examinar a situación da lingua galega nos diferentes eidos en que se utiliza”. A vicerreitora apuntaba, ademais desta parte positiva, outro aspecto menos satisfactorio e inquietante, “a sensación de que non progresamos no tema da lingua, de que estamos a debater durante anos as mesmas cuestións: diglosia, bilingüismo, normalización, actitudes lingüísticas... sen chegar a un fin”. Neste senso, Cabeza sinalaba como “unha contrautopía” a intervención realizada por Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais, definida por el mesmo como unha performance, unha “parodia” na que simulaba atoparse no ano 2115 e narraba en inglés, pois o seu galego “aínda é moi pobre” debido a que non ten “moita oportunidade de falalo nin persoas con quen practicalo”, a situación do día de hoxe en torno “ao polémico debate sobre a necesidade da promoción e normalización ou non do uso da lingua galega”. Avogando por un ensino plurilingüe “que permite ter unha maior creatividade, que cada vez é máis necesaria para poder avanzarmos en distintas ramas da ciencia cada vez máis estancadas”, Area concluíu o simulacro nun galego que prometeu “mellorar en futuros actos tan ben organizados como o de hoxe, cunha programación realmente interesante para dar pé a unha reactivación da lingua galega”.

A prol do plurilingüismo e dun servizo de normalización lingüística

Tralo acto de inauguración das xornadas, ás que se inscribiron máis dun cento de persoas, comezou a programación prevista coa proxección de Linguas cruzadas, un documental no que se amosa a convivencia en Galicia entre os galego e castelán falantes. A peza audiovisual está dirixida por Mónica Ares e María Yáñez, protagonista esta última xunto con Ana Iglesias, lingüista e autora do libro Falar galego? No veo porqué, da primeira das mesas redondas, baixo o título Bilingüismo ou diglosia?. As intervencións sobre este tema de actualidade deron paso a un gran debate participativo, no que moitos dos asistentes plantexaron dúbidas ou o seu punto de vista.
Continuando coas xornadas, nas que interveñen como sinalaba Varela “profesionais que no seu día a día empregan o galego e teñen, en certa maneira, no idioma de Castelao e Rosalía a súa forma de vida”, tomaron a palabra Henrique Costas, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade e Iolanda Veloso, concelleira de Normalización Lingüística do Concello de Vigo. Ambos falaron de normalización dende o punto de vista institucional, presentando a evolución, o funcionamento e o servizo que ofrecen as súas respectivas áreas. Costas destacou o importante labor levado a cabo nos últimos anos na ANL, non obstante, salientou como unha das súas eivas, a existencia dunha gran descoordinación, “cada servizo de normalización traballa pola súa conta sen que ninguén os coordine” e, sobre todo, a falla de distribución e “para chegar a todos”, neste senso, “sería necesario un equipo de normalización en cada centro, unha cuestión pertencente ao voluntariado lingüístico que aínda non temos”, apuntaba Costas.
Iolanda Veloso, pola súa parte, facía referencia á “desorganización” desta área no concello a data de xuño de 2007, “unha situación nada esperanzadora, coa actividade paralizada e un orzamento tremendo”. Coa súa incorporación, o servizo comezou a funcionar, obtendo unha maior partida económica para desenvolver o seu traballo no plano interno e externo.
Sobre a Área de Normalización Lingüística da Universidade, Henrique Costas apuntou como fundamentos a formación, a través de diferentes cursos, e a dinamización do galego. Para facer efectivo este último punto, son múltiples as accións realizadas, entre as que destaca o plan de plurilingüismo na docencia, “de xeito que as clases pásanse a impartir un terzo en galego, outro en castelán e outro en inglés, unha iniciativa xa aprobada nalgunhas titulacións e mestrados”. Neste senso, Costas lembraba que é moi importante tamén a actitude do profesorado cara ao alumno, “impartindo a materia en galego e animando aos estudantes a que o empreguen”. Pola súa parte, a concelleira tamén remarcaba que “a actitude é unha das cuestións máis importantes na promoción e uso dunha lingua como o galego”. Seguindo coa liña de progreso da ANL, no seu obxectivo de promover a lingua galega, o seu director fixo fincapé nas diversas campañas levadas a cabo nos últimos dous anos, "accións non só dirixidas á comunidade universitaria senón tamén á sociedade á que servimos, e coas que se obtiveron uns grandes resultados”. Respecto ás proxeccións de futuro, Costas incidía en solucionar as trabas de dotación de persoal, coordinación e distribución para “seguir traballando a prol do galego”.

Dálle á lingua continúa ata o venres

Nesta xornada de mércores, a programación proseguiu pola tarde con dúas mesas redondas, unha sobre a situación actual do galego e outra sobre a relación deste coas novas tecnoloxías, ás 16.00 e 18.45 horas respectivamente. Na primeira delas participaron Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e Mariló Candedo, presidenta de Nova Escola Galega para afondar sobre a situación actual do galego. A primeira xornada péchase co debate sobre lingua e novas tecnoloxías.
Mañá xoves continuarán os coloquios pola tarde e cos mesmos horarios ca hoxe, Lingua e literatura e Lingua e medios son os títulos que abrirán o debate.
Finalmente, o venres ás 09.00 horas, proxectarase A Mariñeira dirixida por Antón Dobao, que participará de seguido, xunto con Ignacio Vilar e Carlos Ares, na última xuntanza O audiovisual en galego. Ás 14.00 horas, Iván Area será o encargado de clausurar as xeiras.