DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O primeiro grupo realizou este luns os sete exercicios de habilidade

Cento setenta mozos realizan as probas de acceso ao grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Camino Carballeira DUVI 22/06/2009

Algúns dos estudantes que a semana pasada tomaron as facultades e escolas das universidades galegas para realizar as PAAU tiñan esta mañá unha “segunda Selectividade” se o seu obxectivo é estudar o grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte ou acceder ao segundo ciclo desta licenciatura. As dúas vías están subordinadas a un réxime especial que consiste na realización dunha proba de avaliación específica das aptitudes e habilidades para as actividades físicas e do deporte. Cento setenta mozos solicitaron a realización destas probas e a primeira quenda deles realizou esta mañá os exercicios. Durante a mañá do martes, avaliaranse as aptitudes físicas do resto dos solicitantes.
A xornada comezou na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, onde os candidatos realizaron a primeira proba, a de adaptación ao medio acuático, que esixía desprazamento baixo a auga, nado en flotación dorsal e ventral ao longo de 25 metros. Unha distancia que as mulleres debían executar nun máximo de 35 segundos, cinco menos no caso dos homes. Xa nas instalacións da facultade, o tribunal, presidido polo decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, José María Cancela, avaliou a forza explosiva dos membros inferiores e superiores, a axilidade con obstáculos, mobilidade articular e a habilidade ximnástica.
Segundo explica o decano non se trata "de avaliar o nivel de rendemento dos potenciais alumnos senón a súa motricidade, asegurarnos un mínimo dominio das súas habilidades". E é que as probas só se avalían cun apto/non apto e aqueles que obtiveron o visto bo nas seis primeiras probas quedaron excluídos da sétima, de resistencia aeróbica nunha carreira de seis minutos e medio para as mulleres e nove no caso dos homes. De entre aqueles que superasen seis das probas a nota de corte marcada tralas PAAU decidirá aqueles que conseguirán unha das cen prazas que oferta esta titulación. Trátase de "homoxeneizar o perfil do alumno que entra para non romper a dinámica das prácticas", sinala Cancela. Tamén apunta que o número de solicitudes para facer as probas "aumentou nun vinte por cento con respecto ao ano pasado" o que indica que " a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior non é dramática".

Paixón polo deporte

A posibilidade de dedicarse a tempo completo á paixón que senten polas actividades físico-deportivas, primeiro adquirindo coñecementos e despois como campo laboral, é o principal argumento que esgrimen os estudantes da súa elección. Aída, que realizou a semana pasada as PAAU explica que “as marcas mínimas (que se esixen para acadar o apto) son bastante fáciles”. O mesmo opina a súa compañeira Mariana, que practica baloncesto e logo de facer a Selectividade o ano pasado, proba agora sorte con esta vía “porque me encanta o deporte”. Do mesmo xeito, Jesús, que xoga ao fútbol e fai atletismo, sinala tamén que probará sorte “nas probas físicas da Universidade da Coruña” porque o que ten claro é que quere “seguir vinculado ao deporte”.

Listados definitivos o 25 de xuño

As listaxes de aptos/non aptos faranse públicos o 25 de xuño. Contra estas listas os interesados poderán presentar reclamacións ante o decano da facultade do ata o 30 de xuño, en espera de que o primeiro día de xullo se publiquen as listaxes definitivas. No caso de que quedasen prazas vacantes nesta convocatoria, a facultade contempla a posibilidade de levar a cabo outra proba de acceso en setembro. Desta proba quedan liberados os clasificados como deportistas de alto nivel polo Consello Superior de Deportes así como os clasificados como deportistas de recoñecido prestixio pola Xunta de Galicia.