DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As facultades e escolas organizan actos de benvida para o alumnado de novo ingreso

Centos de mozos e mozas inician ilusionados o seu periplo universitario

Na maior parte dos casos a vocación segue a ser determinante á hora de elixir estudos

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 03/09/2012
Se unha palabra define o estado de ánimo do novo alumnado que este luns iniciou o seu periplo universitario nos diferentes centros e aulas da Universidade de Vigo é ilusión. Ilusión por todo o que está por vir e ilusión por iniciar xa a ‘vida universitaria’. Para recibilos as facultades e escolas dos tres campus organizaron actos nos que ademais de darlles a benvida, explicáronlles os diferentes recursos de cada centro e cuestións relativas á organización docente.
“É unha primeira toma de contacto”, resumía Soledad García Fontán, decana da Facultade de Química moi satisfeita polo elevado número de alumnos matriculados en xullo. Entre estes novos estudantes está Andrea Mariño, unha moza viguesa que sempre sentiu paixón polo mundo das ciencias e, máis concretamente, pola química “a min o que me gustaría é dedicarme ao mundo da investigación, aínda que nestes intres pareza imposible teño que intentalo porque é o que a min me gusta”. Ao seu carón comparte ilusións Moana Tschoobin, unha moza alemá con familia galega que pese a iniciar a titulación o curso pasado en Hanover decidiu vir vivir a Galicia e emprender aquí os seus estudos “aínda que acabo de chegar o funcionamento da facultade parece moi semellante ao alemán”.

Dispostos a aproveitar todas as experiencias

Veñen dispostos a aproveitar todas as experiencias que están seguros lles achegará a universidade e a desenvolver unha vocación que, neste caso, os levou directamente á Facultade de Filoloxía e Tradución. Sofía, Aitor,Marina e Bea, son catro das decenas de estudantes que hoxe recibiron a benvida á Universidade da man da decana Rosa Pérez que los convidou a aproveitar a súa estancia “nesta a que será a vosa casa durante os próximos anos”. “Veño a aprender idiomas, a coñecer xente e outros países”, aseguran Bea e Marina, estudantes do Grao en Tradución e Interpretación Inglés-Español, ao tempo que recoñecen a súa vocación e facilidade cos idiomas desde nenas. Pola súa banda Sofía, estudante do Grao en Estudos de Galego e Español, afirma con rotundidade fronte aos que poñen en tela de xuízo a viabilidade das titulacións do ámbito das humanidades que “cada un ten que facer o que lle pide o corpo”. Un compromiso que a decana da facultade, Rosa Pérez, valora como “un bo punto de partida” nun curso no que non agocha a súa preocupación polos efectos derivados do decreto que paraliza a contratación do persoal público.

Na Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións, o acto de inauguración supuxo o comezo dunha semana informativa que ten por obxectivo “facer que o alumnado de novo ingreso aterre nesta realidade e coñeza en profundidade todas as posibilidades que ofrecemos tanto na escola coma na Universidade en xeral”, indica Edita de Lorenzo, directora da escola. Malia que os nervios do primeiro día inundaban aos futuros enxeñeiros e enxeñeiras, “a maioría dos presentes están aquí por vocación xa que esta foi a súa primeira opción tras a selectividade”, puntualiza. Para os estudantes “estar aquí é a nosa oportunidade, temos por diante uns estudos que realizar e moitas experiencias que vivir tanto aquí coma no estranxeiro e, con dedicación e ánimo, sairemos adiante“, puntualizan os alumnos de primeiro curso Jaime Martínez e Adrián Gutiérrez.