DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presidido pola profesora María José Martínez Patiño, membro da Academia Olímpica Española

O Centro de Estudos Olímpicos impulsa dende o deporte a internacionalización da Universidade

O centro está radicado na Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 26/01/2011

Converter á Universidade nun berce de investigación olímpica con proxección internacional é a meta que o Centro de Estudos Olímpicos da Universidade quere levar a cabo nos próximos anos. A institución atópase entre as 22 universidades españolas que dispoñen dun centro similar que, neste caso, está presidido por María José Martínez Patiño, profesora de Ciencias da Actividade Física e do Deporte e membro da Academia Olímpica Española, dependente do Comité Olímpico Español. Esta dobre función da docente deriva “nunha dobre motivación, xa que por unha banda nos esforzamos para que o centro estea á vangarda e sexa un punto de referencia e, por outro, abandeiro e defendo na Academia á Universidade de Vigo como unha institución relevante e importante neste sector”, explica Patiño.

Este Centro de Estudos Olímpicos, radicado na Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte, ten como finalidade a expansión do olimpismo e do movemento olímpico entre toda a comunidade universitaria, transformándose nunha entidade destacada xa que, como apunta María José Martínez “todas as universidades importantes teñen un centro de estudos olímpicos e a de Vigo quere ser, e de feito o está sendo, un punto de referencia para o resto das universidades españolas, buscando que a través deste centro olímpico se logre a excelencia”.

Potenciación da investigación olímpica

Outro eido que tenta desenvolver este Centro de Estudos Olímpicos é o da investigación, converténdose nun vehículo de indagación para os propios universitarios, que abra as portas a teses de doutoramento e proxectos de investigación dentro do movemento olímpico. “En moi curto prazo vanse ler tres teses sobre olimpismo nesta Universidade, o que nos sinala como pioneiras en elevar a condición de investigador a nivel nacional”. Así mesmo, se se potencian proxectos por este campo do saber “moitos alumnos desta Universidade se poderían aproveitar das bolsas do Comité Olímpico Internacional, formando parte de plans moi competitivos e importantes dentro deste ámbito”, aclara Patiño. Ademais, este desenvolvemento de proxectos de investigación contribuirá á transferencia de coñecemento ao sector empresarial, xa que como apunta a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, “as entidades deportivas tradúcense nun foco de traballo para os nosos estudantes porque achegarán financiamento para as súas investigacións”.

Pero non é unha oportunidade que estea pechada unicamente ao campo do deporte, xa que “o olimpismo é algo máis que os Xogos Olímpicos e demais manifestacións deportivas, é marketing, ecoloxía, sustentabilidade, arquitectura, protocolo, relacións públicas...queremos abrir as ás do olimpismo a outros campos do saber”, engade a docente.

Na actualidade, atópanse traballando na promoción e na potenciación do recoñecemento deste centro de estudos, mediante actividades e conferencias a cargo de profesionais do deporte de renome internacional. Así, tal como adiantou a directora do centro, “temos preparado a visita de Alejandro Blanco, presidente do COE, á Universidade de Vigo así como varios concursos fotográficos sobre os valores olímpicos na educación”. Explica ademais que “todo o apoio que se preste a este centro olímpico será multiplicado por dez, é unha inversión segura, porque ademais de favorecer a proxección internacional da Universidade, educa ás novas xeracións, inculcando valores no novo sector da sociedade”.