DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As e os interesados poderán inscribirse ata o vindeiro 6 de xaneiro

O Centro de Linguas abre o prazo de matrícula para a obtención das acreditacións CertAcles

O TOEFL ou o DELE complementan a oferta de certificados

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cultura
  • Académica
Yaiza Canedo DUVI 20/11/2018

Aprender e demostrar os coñecementos de linguas estranxeiras, especialmente de inglés, converteuse nunha materia case obrigatoria nos últimos anos e, ante esta demanda, o Centro de Linguas da Universidade ten xa aberto o prazo de matrícula para a realización dos exames de acreditación de inglés CertAcles.  As probas, cuxos prezos oscilan entre os 40 e os 95 euros, terán lugar no mes de xaneiro nos tres campus – Vigo, Pontevedra e Ourense – e avaliarán os niveis medios - B1 e B2 - e avanzado -C1- de inglés de todas aquelas persoas interesadas, da comunidade universitaria ou alleos a esta que se matriculen antes do Día de Reis.

Exames CertAcles

329 foron as persoas que neste  ano 2018 se presentaron ás probas de acreditación CertAcles, emitidas polas universidades e recoñecidas por todo o sistema universitario europeo grazas ao seu carácter equivalente con outras probas existentes emitidas por Cambridge ou TOEFL. 

Grazas a este valor, a demanda entre a comunidade é ampla, e por iso o centro prevé este ano unha participación similar á das convocatorias anteriores e abriu xa o prazo de matricula, a cal é posible realizar ata o vindeiro 6 de xaneiro no propio centro ou a través da súa páxina web, na que tamén se poden consultar modelos de exames e unha guía para as persoas candidatas. 

Os exames, estruturados en catro partes referentes ás competencias básicas de uso de calquera lingua – falar, escribir, escoitar e ler-, celebraranse nos tres campus en datas similares. O campus de Vigo dará comezo aos períodos de avaliación o 14 de xaneiro cas probas de nivel avanzado (C1), e as probas de niveis medios B1 e B2 realizaranse nos tres campus, iniciándose nos campus pontevedrés e ourensán os días 15 e 16 de xaneiro e  continuarán en Vigo os días 16 e 17 no caso do nivel B1 e o 15 e 18 no caso do nivel B2, que pechará así o período de avaliación.  

No referente a niveis e prezos, o centro mantén as súas condicións, pois a oferta é de tres niveis – B1, B2 e C1- e de  tres prezos, 40 euros para os estudantes de intercambio, 55 para a comunidade universitaria e 95 para o resto dos participantes. Así e todo, para todos aqueles que non se atopen preparados para afrontar esta proba no mes de xaneiro, o Centro de Linguas xa ten programada outra convocatoria similar para o vindeiro mes de maio. 

Outros exames de acreditación 

Os exames CertAcles non són as únicas acreditacións emitidas polo centro en canto á lingua inglesa, as persoas interesadas en certificar o seu nivel de coñecemento nesta lingua estranxeira tamén poden realizar outras probas como o IELTS, aceptado en todo o mundo por máis de 8000 institucións educativas, departamentos gubernamentais e organizacións profesionais, ou o TOEFL, recoñecido por máis de 90 países e do que o centro oferta seis convocatorias ao longo do ano. 

Malia que o inglés constitúe a oferta máis ampla polo seu carácter de lingua franca e abarca a maior parte dos procesos de examinación, o Centro de Linguas proporciona tamén a oportunidade de adquirir outras certificacións oficiais noutras linguas, como é o caso do Diplomas de Español como Lingua Estranxeira (DELE), un título outorgado polo Instituto Cervantes que nos últimos anos está gañando terreo no mundo dos idiomas e que constitúe na actualidade o segundo exame máis demandado  na institución detrás destes certificados, contando con catro convocatorias ao ano. 

Unha ampla oferta de cursos para o segundo cuadrimestre

O Centro de Linguas conta cun amplo catálogo formativo e non se limita unicamente aos exames de acreditación. A oferta, consultable a través da web da institución, inclúe cursos de idiomas como o francés ou alemán  entre outras moitas linguas e cursos de preparación para exames oficiais.