DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No segundo cuadrimestre ofertaranse 11 cursos

O Centro de Linguas aposta polo plurilingüismo como valor diferencial

O prazo de inscrición pechará cinco días antes do comezo das clases

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 08/01/2013
Co segundo cuadrimestre recén estreado, o Centro de Linguas da Universidade de Vigo xa ten aberto o prazo de inscrición dos cursos de idiomas que oferta para este período. Nun momento no que dominar varias linguas pode ser un valor diferencial á hora de introducirse no mercado laboral, os membros da comunidade universitaria e o público en xeral poden acceder a un amplo catálogo de cursos de idiomas en diferentes niveis adaptados ás necesidades dos interesados. Ademais das linguas foráneas e dos cursos de español para estranxeiros, a oferta amplíase este ano cun curso gratuíto de introdución á lingua e cultura persa.

Irán achega a lingua persa á Universidade

O catálogo para o segundo cuadrimestre inclúe, por primeira vez, un curso de lingua e cultura persa. Financiado pola Embaixada de Irán e cun custe cero para os interesados, o curso pretende achegar a realidade iraniana aos membros da comunidade universitaria, así coma unha linguaxe básica, costumes e normas protocolarias cotiás que faciliten a conversa e o trato formal cos nativos.

Como en anos anteriores, o Centro de Linguas mantén unha ampla oferta de cursos de francés, ruso, chinés, xaponés, italiano, portugués, inglés e alemán. Destes dous últimos ofértanse, á vez, cursos tanto de conversa coma de linguaxe especializado para estudantes das diferentes enxeñarías e do conservatorio de música.

Pensando no alumnado estranxeiro

Co fin de facilitar a integración e a aprendizaxe do idioma daquelas persoas estranxeiras, tanto alumnado coma público en xeral, ofértanse talleres específicos para mellorar as súas competencias en español, a nivel escrito coma oral, que se complementan con actividades variadas. O obradoiro sobre o Camiño de Santiago achegará aos participantes á cultura galega, combinando as clases teóricas coa posibilidade de facer á ruta do camiño portugués dende Pontevedra. Por outra banda, tamén se oferta un taller de enoloxía, o que permitirá a estes estudantes coñecer o sector vinícola galego así como acudir aos Canóns do Sil, visitar as bodegas Regina Viarum e participar en catas de viño orixinario da zona.

Ademais ofértase un curso de preparación do exame para obter o DELE, Diploma de Español Lingua Estranxeira, nos seus niveis B e C. As clases centraranse fundamentalmente en simulacros de exame, orientación do estudo, resolución de dúbidas e corrección de traballos individuais. Este curso conta coa acreditación do Instituto Cervantes, unha institución pública que avala a calidade do Centro de Linguas á hora de impartir español coma lingua estranxeira.

Prazos e prezos

O prazo de matrícula remata cinco días antes do comezo de cada curso. Respecto aos prezos, estes seguen sendo moi competitivos e varían en función do curso, pero todos eles ofrecen descontos para os membros da comunidade universitaria. As datas de matrícula e contidos pódense consultar na web de Bubela.